Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 23/05/2025 | Actualizada ás 11:41
A Garda Civil desarticulou un grupo criminal especializado no roubo de cable de cobre, composto por seis homes de entre 24 e 31 anos de idade, e ao que se lle atribuuen polo menos 13 delitos de roubo na provincia da Coruña. Segundo informou a Comandancia, no marco da Operación Redcupru, o Equipo Roca da Garda Civil iniciou unha investigación o pasado 1 de maio, a raíz do roubo de cable do tendido eléctrico na localidade de Touro.
No transcurso da operación, con apoio de efectivos da Garda Civil de Santiago, os axentes lograron identificar aos presuntos integrantes deste grupo, de carácter itinerante e puideron comprobar o seu 'modus operandi'.
Así, a organización tiña a súa base de operacións en Santiago, onde pasaban a noite en vehículos. Desde a cidade desprazábanse a diferentes zonas para realizar vixilancias e seleccionar os seus obxectivos, preferentemente en zonas boscosas próximas a estradas secundarias, onde o tendido eléctrico telefónico é paralelo á vía.
GRUPO XERARQUIZADO
Unha vez seleccionado o obxectivo, o grupo (perfectamente estruturado e xerarquizado), desprazábase en dous vehículos. O primeiro deles facía as tarefas de 'lanzadeira', para detectar posibles controis policiais, e transmitía a información en tempo real ao outro vehículo, unha furgoneta na que viaxaba o grupo operativo, mostrando un alto grao de especialización.
Todos os roubos levaban a cabo en horario nocturno, utilizando sempre vehículos de aluguer sen condutor, para dificultar o labor policial. Isto, unido á súa gran mobilidade xeográfica e ao constante cambio de localización, complicaba a súa detección e seguimento. Unha vez no lugar do roubo, os delincuentes cortaban os cables do tendido eléctrico en seccións de 2 ou 3 metros de longo, para cargalos na furgoneta. Despois, íanse do lugar utilizando vías rápidas ata o punto onde ocultaban o material sustraido.
DETENCIÓN
As pescudas policiais e a análise da información solicitada permitiron á Garda Civil determinar cal sería o punto onde o grupo ía levar a cabo o próximo roubo. Deste xeito, estableceuse un dispositivo de vixilancia que levou a interceptar ao grupo na peaxe da AP-9 en Sigüeiro, no municipio de Oroso.
No rexistro dos dous vehículos, os axentes encontaron máis de 3 toneladas de cable de cobre do tendido telefónico, ademais de ferramentas de corte, roupa escura e luvas. O seis homes foron detidos pola súa presunta vinculación con 13 delitos de roubo de cable telefónico, un delito de pertenza a grupo criminal, un de estragos e un de apropiación indebida. Igualmente, a Garda Civil incautouse dos dous vehículos e do cable que transportaban, que foi restituído a Telefónica España. Os detidos e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de instrución 2 de Ordes, aínda que a operación segue aberta e non se descartan novos arrestos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.