Alerta da perda de 32 postos de traballo nos talleres de Renfe en Ourense

CXT di que a nova licitación de Renfe Mercancías pode deixar sen carga de traballo aos talleres de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2025 | Actualizada ás 10:04

Comparte esta noticia

Unha nova licitación de Renfe Mercancías, publicada o 9 de maio por valor de máis de 70 millóns de euros, acendeu todas as alarmas entre os traballadores dos talleres ferroviarios de Ourense. O contrato, que contempla o mantemento integral durante cinco anos de 65 locomotoras da serie 333.3, ameaza con baleirar de contido as instalacións ourensás, onde se reparan actualmente 26 desas unidades.

E é que o taller de Renfe en Ourense é o segundo en importancia do país en canto ao mantemento desta serie de locomotoras, só por detrás do de Vicálvaro, en Madrid. Pero se a adxudicación segue adiante nos seus termos actuais, advirten desde CXT, as 32 persoas que forman o persoal local poderían quedar sen carga de traballo. "O xerente da área Noroeste de Enxeñaría e Mantemento confirmóunolo nunha reunión forzada polos propios traballadores tras coñecerse a licitación", denuncia o sindicato.

SEN GARANTÍAS DE CONTINUIDADE

Segundo CXT, a dirección de Renfe non puido concretar que vehículos substituirán aos actualmente reparados en Ourense, o que xera "unha total incerteza" sobre o futuro inmediato do centro. A licitación, á que se pode acceder publicamente a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, contempla que a empresa adxudicataria deberá achegar a súa propia man de obra, talleres e medios materiais, incluíndo mesmo asistencia en ruta e técnica telefónica.

Para os traballadores, isto implica de facto a privatización dunha actividade que ata agora era xestionada por persoal público, seguindo unha tendencia que xa provocou o peche dos talleres da Coruña e Monforte. Na práctica, sinalan desde CXT, a base de Ourense podería quedar sen funcións, a non ser que se reverta a decisión ou se asigne unha nova actividade con garantías.

ALTA VELOCIDADE

Pero CXT non só mostrou o seu rexeitamento frontal a esta suposta privatización, senón que xa iniciou unha ofensiva institucional. Enviou escritos ao Concello de Ourense, aos grupos municipais, ao presidente da Xunta e ao propio presidente de Renfe para esixir a cancelación da licitación. Ademais, propón unha solución de futuro: construír en Ourense unha base de mantemento para trens de Alta Velocidade, que actualmente se revisan en Madrid-Fuencarral, xa saturado de traballo.

"O mantemento dos trens AVE en Galicia é unha oportunidade para consolidar emprego ferroviario na nosa terra", argumenta o sindicato, que xa incluíu esta petición nun escrito remitido o pasado 12 de maio á presidencia de Renfe. Nel instábanse tamén melloras urxentes para os servizos ferroviarios en Galicia: maior dispoñibilidade de material, reforzo de persoal en talleres e condución, e a consolidación dos trens de longa distancia e media distancia.

Imaxe dun dos trens. RENFE
Imaxe dun dos trens. RENFE | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta