XII Premios Martín Códax da Música: record de proxectos e protagonismo para as mulleres

Na edición deste ano presentáronse 512 proxectos que foron votados por perto de 5.000 persoas e sete galardóns foron para proxectos de mulleres. En referencia ao sector musical, Músicas ao Vivo reclamou fortalecer a contratación de proxectos galegos na programación cultural do país.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 30/05/2025 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

O pasado 28 de maio tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra a gala na que se deron a coñecer os 20 proxectos musicais gañadores dos XII Premios Martín Códax da Música procedéndose á entrega doutros tantos galardóns –obras plásticas coñecidas como ‘melómanos/as’ deseñados polo artista Víctor Lorenzo-. Estivo presentada por Lupe Blanco e Xisco Feijóo, e contou coa música ao vivo do grupo Ailá que serviu de homenaxe á oralidade e á música tradicional. A gala contou tamén coa presenza da directiva de Músicas ao Vivo, representantes das entidades e institucións que apoian os premios, e Xoán Allegue, presidente das Bodegas Martín Códax, quen quixo subliñar “a aposta da empresa vinícola pola cultura e moi especialmente polos premios da música galega”. Pola súa banda, a directiva de Músicas ao Vivo apelou á unión da comunidade musical, a reivindicar o talento galego e defender o acceso á cultura de toda a cidadanía.

Foto de familia dos premiados na gala dos XII Premios Martín Códax da Música. Foto: Músicas ao Vivo.
Foto de familia dos premiados na gala dos XII Premios Martín Códax da Música. Foto: Músicas ao Vivo.

Entre as novidades desta edición, salientar o predominio de artistas premiadas, un total de sete, en diferentes categorías: A Pedreira, en ‘Canción de Autora’; Faia en ‘Musica Tradicional’; Sabela na categoría de ‘Pop e Indie’; Helena Egea ‘Blues, Funk e Soul; Rumia, como ‘Música Electrónica’; Nadie González en ‘Músicas Urbanas’; e María Domínguez en ‘Música Clasica e Contemporánea’.

PREMIADOS/AS

A entrega de premios do pasado 28 de maio fíxose por bloques de catro. Así, para comezar, na categoría de Metal o premio foi para a banda Brutal –formación que xorde a partir do grupo pontevedrés Brutal Distracion, e que presentaba o ano pasado o seu disco "22820"--; A Pedreira, o proxecto de Ugia Pedreira, levou o galardón na categoría de Canción de Autora; Helena Egea foi a premiada na categoría de Blues, Funk e Soul; e no apartado de Electrónica Rumia foi a artista recoñecida.

O segundo bloque de premios recoñeceu o traballo de Os John Deeres na categoría Rock e Punk; con case dúas décadas de andaina o grupo vén de editar o disco O círculo das formigas; A rapeira viguesa Nadie González resultou premiada en Músicas Urbanas coa súa proposta inspirada na poesía de Xela Arias, Rosalía, Alejandra Pizarnik e Alfonsina Storni; No apartado de Orquestras e Música de Verbena a opción escollida do público foi A Banda da Balbina; e a pianista e investigadora María Domínguez recibiu o recoñecemento nesta na categoría de Música Clásica e Contemporánea.

A seguir, na categoría de Jaz e Músicas improvisadas o premio foi para a Orquestra Galega de Liberación, dirixida por Xacobe Martínez Antelo e da que forman parte 20 intérpretes; Sabela gañou na categoría de Pop e Indie; Fanfarria Taquikardia obtivo o galardón en Músicas do Mundo e Mestizaxe; e De Ninghures --coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí--, recolleu premio en Folk.

Finalmente, a cantante Faia, que acaba de lanzar o seu segundo disco Alvela, recibiu o galardón na categoría Música Tradicional. No apartado de Bandas de Música Popular o recoñecemento foi para a Banda de Música Municipal de Caldas; na categoría de ‘Artista Emerxente’ o premio foi par Paracetafolk, grupo que debutou o pasado ano cunha proposta musical, desde a Costa da Morte, baseada en arranxos e composicións propias, e mesmo algunha peza que mestura o tradicional con pop-rock; e Brais das Hortas acadou o premio no apartado de Música Infantil.

ORGANISTRUM

Tras a entrega dos galardóns nas categorías musicais chegaron os Premios Organistrum, aqueles que recoñecen en cada edición aos cómplices necesarios da música ao vivo: salas, festivais e proxectos de comunicación. A Sala Rebullón, en Mos, foi recoñecida na primera categoría; as Festas do Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela, na segunda; CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña desde 1996, recibiu o galardón como medio de comunicación; e Leilía, como xa se anunciara semanas atrás acodou o Premio Honorífico.

LEILÍA

Ana Rodríguez, Patricia Segade, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade e Rosario Rodríguez, as voces e pandeiretas de Leilía --primeira agrupación de cantareiras que empezou a dar concertos en bares e pubs a finais dos anos oitenta-- foron as protagonistas da recta final da gala. Foi unha entrega moi emotiva e recibiron un longo e cálido aplauso do público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta