Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2025 | Actualizada ás 15:11
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou e defendeu a "neutralidade ideolóxica" nas actividades que se realicen nos centros educativos, tal e como a pasada semana anunciou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez. Con todo, fixo unha salvedade sobre a educación ou a "ideoloxización" relixiosa ao suliñar que do que se trata, ao falar desta "neutralidade" é "desde o punto de vista, case político".
Así, suliñou que os escolares van ao colexio a "aprender" e "todo o que ten que ver con ideoloxización ten que quedar fóra da educación". A preguntas dos medios tras a rolda de prensa do Consello, Rueda manifestou que "ninguén debería de estar en contra de garantir a neutralidade ideolóxica na educación". Para o titular do Goberno galego, habería que preguntarse "por que" se molestan por iso se é "perfecto que a educación sexa educación e sexa neutral".
Nesta liña, insistiu en que cre que a neutralidade "é algo bo" e que "os que se molestan habería que preguntarlles por que lles molesta tanto". Así mesmo, preguntado sobre se considera que a relixión nas aulas entra dentro da neutralidade ideolóxica, Rueda afirmou que o concepto fala "doutra cousa" e reiterou que "aos que lles molesta parece ser que non estaban a aplicar iso".
"Estamos a falar de ideoloxización, desde o punto de vista, ás veces, case político, que non ten ningún sentido. Os pais, as nais, as familias teñen o dereito de optar cando van a un colexio se teñen carácter relixioso", aseverou Rueda, que volveu a insistir en que os que "se molestaron moito" están a dicir "ás claras" que o que "lles molesta é deixar de facer o que estaban a facer".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.