Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2025 | Actualizada ás 15:47
A dimisión do ex conselleiro do Mar, Luis Villares, tras ser acusado de agresión sexual, continúa no centro da vida política galega. Cinco días despois, o presidente da Xunta insiste en defender a inocencia de Villares e, a pesar de ser preguntado pola inocencia da denunciante e presunta vítima da agresión sexual, Paloma Lago, Alfonso Rueda evita pronunciarse. "Nun estado de dereito non vou a tratar como culpable a quen a xustiza non contempla aínda como culpable", mantivo.
"Eu confío moito na xustiza e a todos os actores. Creo que as opinións dos que traballan na xustiza tamén teñen que quedar na xustiza e os da politica, na política", respondeu ao ser preguntado polas declaracións da fiscal de sala xefa da sección penal do Tribunal Supremo, Teresa Peramato, que dixo que, neste contexto, o que hai que facer é "abrazar ás vítimas, darlles credibilidade e non cuestionalas desde o primeiro momento".
"Eu creo moito na xustiza e que actúe a xustiza. No momento no que entrou o procedemento en fase xudicial, Villares renunciou ao seu cargo e perdeu o aforamento e a partir de agora actuará a xustiza ordinaria", dixo. "Este é o xeito de actuar e o que pon nervioso á oposición... Creo na xustiza e no estado do dereito. Non vou declarar como culpable a quen a xustiza non declarou como cuilpable", engadiu.
CULPABILIDADES DIFERENTES
Con todo, diferenciou a presunción de inocencia de Villares coa do fiscal xeral do Estado, Álvaro Ortíz. Neste sentido, rexeitou o "paralelismo", xa que Villares dimitiu ao ser investigado e "o fiscal acaba de ser enviado a xuízo", polo que entende "que a situación non ten nada que ver". "A decisión que se toma --na Xunta-- é moitísimo antes de chegar a isto", incidiu. "Gustaríame que o PSOE tivese as cousas tan claras co que estamos a ver, pero todo o contrario", comparou.
Rueda isistiu varias veces en que Villares é un "compañeiro" --de feito é amigo persoal do presidente-- e que confía na xustiza e na súa probable inocencia. "Eu creo firmemente que as persoas son culpables cando a xustiza dictamina iso e un estado de dereito se basea niso. E non me parece lóxico que se faga o parelelismo co fiscal xeral. As situacións non teñen que ver", suliñou.
COMUNICACIÓN A FEIJÓO
Sobre se comunicou a situación a Feijóo antes da pasada semana, xa que el mesmo confirmou que el era coñecedor desta situación desde febreiro, o presidente galego suliñou que "cumpriu co que din os estatutos do PP". "Comuniqueillo cando houbo un pronunciamento xudicial", dixo. Este marco temporal sitúa a comunicación entre o líder do PP galego e o xefe de filas dos populares estatais entre o martes da semana pasada (cando, segundo trasladouse, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia --TSXG-- ratifica a Villares a súa condición de investigado) e o mércores, cando Villares, que tamén pediu a baixa temporal do partido, renuncia.
En canto a se Feijóo validou o proceder e a dimisión, Rueda, quen coñecía desde febreiro a existencia da denuncia, defendeu o momento no que se dá o paso (cando hai unha notificación formal do TSXG de que se van a abrir dilixencias contra Villares como investigado) e cinguiu a el mesmo e a Villares o paso dado. "Creo que estabamos de acordo, tanto o señor Villares como eu mesmo en que era a decisión adecuada. Así se tomou, eu tíñao claro e el tamén", esgrimiu.
CRÍTICAS FEMINISTAS
Por outra banda, a asociación galega de mulleres do mar, Mulleres Salgadas, censurou este luns a "posta en escena" da dimisión de Alfonso Villares como conselleiro do Mar, por reforzar "mandatos heteropatriarcais", así como o "abrazo e apoio" que lle trasladou Alfonso Rueda, e advertiu de que, contrariamente ao trasladado polo exconselleiro ao anunciar a súa marcha, a violencia machista é un "asunto público" e non persoal.
A través dun comunicado, e tras manifestar o seu respecto pola presunción de inocencia, Mulleres Salgadas quixo enviar unha mensaxe de apoio á denunciante, Paloma Lago, e lamentou a "revictimización" que sofre ao filtrarse o seu nome á esfera pública. "Esiximos responsabilidades sobre este feito, que nos parece gravísimo tanto para ela como para todas as mulleres que sufriron, sofren ou poden sufrir violencia machista".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.