Rueda diferencia as manifestacións de Galicia das de Madrid e di que respecta aos que protestan "de boa fe", coma el

Reivindica que "había moitísima xente" na manifestación contra Sánchez. Acúsao de "case buscar" que "non houbese" acordos na conferencia de presidentes

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2025 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindica que "había moitísima xente" na manifestación que se celebrou este domingo en Madrid en contra do Goberno de Pedro Sánchez, e sinalou que el acudiu "de boa fe" e "non só como presidente do partido en Galicia", senón tamén "como cidadán".

"Como cidadán que cre que así non podemos seguir", precisou, a preguntas dos xornalistas durante a súa comparecencia despois da reunión do Consello da Xunta. Neste sentido, opinou que "a política (...) non pode ser estar a ver a ver canto máis aguanta o presidente do Goberno" e engadiu que desde o seu punto de vista "a situación política é insustentable e o mellor é dar a voz aos españois e aos galegos e que poidan decidir se queren seguir así ou un cambio de rumbo".

Ademais, criticou "este empeño" de "tantos ministros que saíron onte" a pronunciarse sobre a manifestación, e que, segundo censurou, ata ese momento "estiveron calados con todo o que se estaba sabendo do Partido Socialista". Para Rueda, é "moi revelador de que o que estaban a dicir", en relación a se foi unha manifestación "inocua" ou "unha picada". "Había moitísima xente, eles sábeno. e o seu empeño é moi revelador", recalcou.

Nesta liña, criticou que "esta lexislatura comezou sendo inútil e estase convertendo en absurda" e rexeitou "estar a esperar a ver que fai" Pedro Sánchez, ao que viu en "un búnker" e do que censurou que "non se aproba un orzamento, non se aproba unha medida, levan cousas a votar e non saen..."

Cuestionado en concreto sobre as súas críticas a manifestacións convocadas en Galicia, respondeu que respecta aos manifestantes "cando van de boa fe" e indicou que así ía el este domingo. "A repetir o mesmo que lle dixen fronte a fronte ao presidente do Goberno en Barcelona. Que isto non pode seguir así e que se pronuncien os cidadáns a través dunhas eleccións", resolveu.

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, na concentración deste domingo en Madrid
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, na concentración deste domingo en Madrid | Fonte: PPDEG

CRÍTICAS A SÁNCHEZ

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acusou a Pedro Sánchez de "case buscar" que "non houbese" acordos na conferencia de presidentes, o que, ao seu xuízo, "retrata o que é agora mesmo o Goberno central".

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda foi preguntado pola conferencia e lembrou que nas últimas ás que acudiu co líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, á fronte do Executivo autonómico e con José Luís Rodríguez Zapatero como presidente do Goberno "preparábanse con tempo e chegábase a acordos".

Agora, censurou, o "fracaso absoluto" da semana pasada "retrata o estado actual deste goberno e as perspectivas que quedan de lexislatura". Neste sentido, referiuse a o financiamento autonómico e insistiu en que cre que Sánchez "buscaba unha foto" e "tapar outras cousas" desde o momento da convocatoria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta