A Xunta di que as camas "importan" nos hoteis máis que nos hospitais

O conselleiro de Sanidade lembra que os pacientes que rexeitan ser intervidos en centros concertados "manteñen os dereitos de antigüidade". Toda a oposición acúsao de "cinismo" e "oscurantismo".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/06/2016 | Actualizada ás 21:13

Comparte esta noticia

Para a Xunta o peche de camas no verán non é un problema, máis todo o contrario se se teñen en conta as declaracións que este martes fixo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no Parlamenteo ao asegurar que a sanidade "evolucionou moito", co descenso da estanza nos hospitais, polo que, a día de hoxe, subliñou, "as camas son importantes nos hoteis e non tanto nos hospitais".

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, no Parlamento
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, no Parlamento | Fonte: EP

A xeito de exemplo, o conselleiro recordou que hai anos unha operación de cadeira podía requirir 14 días de ingreso e actualmente, cinco, antes de reafirmarse en que se "evolucionou" no ámbito sanitario, implantáronse novas técnicas que reducen o tempo de estanza, creanse hospitais de día e se realiza cirurxía maior ambulatoria.

En fronte, Montse Prado, do BNG, censurou o "escurantismo" da Xunta no que respecta aos datos do peche de unidades hospitalarias e apuntou que "se calcula que se pecharán en torno a 1.200 camas", pero "non hai nada por escrito". Tamén censurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "publicite 5 millóns para reducir listas de espera".

Ao tempo, preguntouse "como fará o milagre dos pans e dos peixes" se se "multiplica o peche de camas" e suxeriu que "parte dos 5 millóns irán ás arcas da sanidade privada". O conselleiro respondeu que a derivación á privada "era moito maior co bipartito" e que agora se ofrece a opción de acudir a un centro concertado para cumprir os prazos da lei de garantías.

Posteriormente, en resposta a Mónica Fernández, do Grupo Mixto, o conselleiro recoñeceu a preocupación da Xunta pola obesidade e o sobrepeso, ao entender que o exceso de peso é "un problema de saúde pública" e defendeu os pasos dados pola Xunta fronte a esta cuestión, con medidas como o 'Plan Xérmola' contra a obesidade infantil.

"Cinismo" de Feijóo

Tras as dúas preguntas debatidas sobre sanidade, o peche de camas volveu ao foco nunha iniciativa de impulso defendida por Eva Solla (AGE), na que reclamaba os datos e pedía unha cobertura completa das vacantes vacacionales no ámbito sanitario, que os populares avanzaron que rexeitarán. A votación está prevista para este mércores.

Co apoio do resto da oposición, verbalizado por María del Carmen Acuña (PSdeG), Carmen Iglesias (Grupo Mixto), e Montse Prado (BNG), Solla censurou o "cinismo" de Feijóo e ironizou co seu compromiso "de 5 millóns para reducir as listas de espera" despois de "300 millóns en recortes e o peche de 1.000 camas". "É unha actuación bastante hipócrita, cínica e mesmo obscena", esgrimiu.

Ao igual que previamente o conselleiro, o deputado do PP incidiu na redución das estanzas nos hospitais por motivos cirúrxicos, para subliñar que "as camas non teñen a importancia que tiveron". Tamén aclarou que "camas non utilizadas non é o mesmo que non utilizables", polo que a atención está garantida.

Por último, incidiu en que "onde goberna o PP se pechan camas, mentres que noutras comunidades onde non o fai, se optimizan os recursos e non hai tanto ruído mediático nin mareas brancas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta