Por Lois Pérez Leira | VIGO | 03/07/2025 | Actualizada ás 11:30
Mais, como cada ano, a celebración tráeme tamén certa sombra, un baleiro que se repite: o esquecemento sistemático daquelas e daqueles galegos que, desde o exilio ou a emigración, mantiveron viva a chama do galeguismo literario e cultural nunha Galicia espallada polo mundo.
Falo de nomes como Ramón Suárez Picallo, Emilio Pita, Avelino Díaz, Pepe Velo, Elías Rodríguez, Nan de Allariz, Celso Garrido, Rey Baltar, Paz Míguez, Xan da Masma ou Fortunato Cruces, entre outros. Persoas que loitaron coa palabra en contextos hostís, que fundaron escolas no pais, revistas, editoriais, grupos teatrais… e que fixeron da lingua galega unha patria itinerante, sen renunciar á súa dignidade nin á súa memoria.
A Real Academia Galega, como institución que debería representar a diversidade e a riqueza da nosa cultura, semella reproducir —ano tras ano— os prexuízos sociais que a sociedade galega mantén respecto da emigración. Como se a cultura galega só se dese dentro das nosas fronteiras administrativas. Como se a emigración non fose parte esencial do noso ser colectivo.
E non o digo eu só. Xa o dixo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao:
“Galicia será culta o día que recoñeza como cultura a obra feita polos galegos na emigración.”
Palabras contundentes, sabias, que deberían ser guía e advertencia. Porque a cultura da emigración non é unha nota ao pé da historia, senón un capítulo fundamental da nosa identidade.
Aínda estamos a tempo de reparar esa débeda. Que o nome de Begoña Caamaño se sume con luz propia a esta celebración é motivo de ledicia. Pero que a nómina de autores esquecidos na diáspora siga medrando sen recoñecemento institucional é unha ferida que temos que curar. Facer xustiza co pasado tamén é celebrar as Letras Galegas con dignidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.