O milagre de Tandil.

Os que coñecemos aos cidadáns arxentinos non entendemos que perdesen aquel seu corazón solidario e xeneroso que latexaba xunto co dos emigrantes que ancoraban na beira riopratense. Os galegos seguimos endebedados coa República Arxentina. Coido non hai interese nin preocupación por saldar a débeda. Houbo pequenos intentos de amortización pero pouco se fixo para achegar as emocións da diáspora ata os mananciais onde bebían os heroicos avós que cruzaron o mar.

Por Manuel Suárez | | 20/06/2016

Comparte esta noticia

As débebas non só se pagan con diñeiro. Son da opinión de que os nosos descendentes agradecen moito máis cando reciben o recoñecemento que se merecen por seguir no rego identitario. Un exemplo de que hai moito por facer é a desfeita no Centro Galego de Bos Aires. Desde a Xunta de Galicia houbo unha escasa sintonía co goberno de Cristina Fernández. Un erro que só prexudica aos asociados da máis grande entidade da Arxentina que teñen a casa sen varrer.

Hai tamén algúns outros insensatos que erran no seu pensamento. Estou a falar dos que queren trasladar certas obras de arte de autor galego a Galicia. O Centro Galego de Bos Aires posúe a máis rica pinacoteca no exterior. Os que desexen documentarse sobre ela poden ler a “Historia del Centro Gallego de Buenos Aires” do moi culto doutor Padorno Caldeiro (o pai era do Corgo e a nai de Castroverde). Nas páxinas 491-498 teremos cumprida información sobre cada unha das obras que se expoñen na sede social de Belgrano e Pasco.

O anterior goberno arxentino foi quen mantivo aberto o Centro Galego mediante unha axuda económica que administraba un interventor xudicial. A crise facía perigrar o mantemento dos servizos de atención médica. Unha decisión persoal da presidente Fernández --en resposta a unha petición dun pequeno grupo de socias-- posibilitou a continuidade da mutualista que está moi endebedada e con excesivo plantel de persoal. Sen axuda externa non ía adiante porque perdeu milleiros de asociados nos últimos anos.

Algo moi curioso que emporcallou a xestión do interventor xudicial foi a total oposición dos dirixentes electos do Centro Galego. Os membros das asociacións políticas “Pro Centro Gallego” non colaboraron nadiña para intentar que a institución fose camiñando. O triste é que negaron a súa man por motivos políticos. A maioría son admiradores e votantes do  partido que lidera o presidente Macri. As barbaridades que dicían contra dona Cristina son irrepetibles e moi mal gusto. Quen axudou era desprezada e nunca foi convidada a visitar a entidade na súa condición de presidente de Honra.

Os mesmos que antes criticaban con acritud a dona Cristina están agora caladiños. Non din que o actual goberno sigue a liña anterior de axuda a unha mutualista deficitaria. O ministro de Saúde é un fillo da nosa emigración pero non se lle pide nada e aínda non visitou o Centro Galego. Os admiradores galegos de don Mauricio calan porque saben que votaron a políticos enfanatizados coas privatizacións. Agora están preocupados. É o que pasa cando escolles a un grupo de empresarios chamuyadores que están unidos pola evasión fiscal.

Espero que os galegos macristas non perdan a fe católica e que sigan ofrecendo misas en Santa Rosa de Lima. Non estou tranquilo. Hai moitos que critican ao Papa Francisco seguindo as consignas heréticas dos malandras do PRO. Quero informar que a “Igrexa Macricida” está medrando moi axiña. Sobre todo despois da certificación catastral do Milagre de Tandil. Poida que axiña haxa emigrantes que vaian en peregrinación ao altar tandilense onde tivo lugar o encollemento dun campo que é propiedade do presidente Macri na provincia de Bos Aires. Está documentado que o terreo pasou de cinco mil hectáreas a media hectárea. Aqueles que movían os marcos das leiras nas súas aldeas atoparán a solución ideal para ter moita extensión de terreo sen case pagar impostos.

MEMORIAS RIOPRATENSES            

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA