Jaione Camborda: “Unha cineasta sempre fai a mesma película, aínda que teña formas narrativas diferentes”

A directora de O Corno reflexiona sobre moitos aspectos relacionados coa súa profesión en conversa co Galicia Confidencial.

Por Claudia Varela Lourido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Jaione Camborda (1983, Donostia) é guionista e directora de cinema. Traballa "desde a materia, o corpo e a memoria para construir narrativas sensoriais profundamente enraizadas no territorio", tal e como apunta a propia cineasta na súa biografía. O Corno, Arima, Rapa das Bestas ou Ensayo Fílmico sobre la sordoceguera son algunhas das creacións. A súa primeira longametraxe, Arima, un arduo e longo traballo, levouna a plasmar moitas desas sensacións en O Corno, obra gañadora da Cuncha de Ouro de San Sebastián no ano 2023. As súas películas poden verse en máis de 60 países, participando en festivais como Toronto, San Sebastián, BFI London ou Busan.Tras terminar os seus estudos na Escola de Cine de Praga (FAMU) e a Escola de Cine de Múnich (HFF), trasladouse a Galicia e fundou a produtora cinematográfica independente Esnatu Zinema. Jaione Camborda fala co Galicia Confidencial acerca da súa traxectoria.

Jaione Camborda, directora de O Corno
Jaione Camborda, directora de O Corno | Fonte: Claudia Varela Lourido

Poderías falarnos un pouco da túa evolución como cineasta?

Os meus primeiros traballos foron dentro do departamento de arte e en paralelo comecei a escribir a miña primera longametraxe, Arima, e a colaborar con diferentes guions de Alfonso Zarauza. Cando quixen facer Arima, decateime de que primeiro tiña que producirme a min mesma para poder facela porque nese momento non había un contexto favorable para poder facer un filme dese tipo.Tampouco había mulleres producindo, polo que montei unha empresa chamada Esnatu Cinema coa que producín esa primeira longametraxe. Foron moitos anos loitando por facela e tamén realicei bastantes pezas de corte experimental. Arima foi un traballo moi solitario e esgotador. Todo isto deume a entender que o seguinte filme tiña que ser con máis familia. Creo que Arima deume a posibilidade de realizar a seguinte película máis acompañada. Tamén cheguei a Galicia nun momento moi fértil no ámbito do cinema, polo que fomos creando unha familia de creadores. Todo isto explosionou e logo pasou a denominarse Novo Cinema Galego.  

Tes en mente algunha palabra coa que definas o teu camiño no mundo do audiovisual?

Perseverancia/cabezonería.

Hai algunha inspiración constante que teñas á hora de dirixir un filme ou vai variando en función do proxecto?

As referencias van flutuando en función do proxecto, pero ao final sempre tes cineastas que foron os teus mestres. Creo que son unha persoa que bebe moito da realidade. Para min, a observación do mundo e da xente que me arrodea sérveme para extraer as lembranzas e a inspiración que necesito.

Como valoras o recoñecemento da Cuncha de Ouro para O Corno? Pensas que pode chegar a opacar o resto do teu traballo ou, pola contra, contribúe a potencialo?

Eu creo que visibiliza máis o resto do traballo. Cada filme é unha viaxe curtísima e profunda e iso fai que madure, e eu intento madurar tamén con el. Os filmes que van quedando atrás teñen un aire máis xuvenil, polo que os vexo con certa distancia. Sempre estás máis namorada do filme que está no presente.  

Con Arima aprendiches moitas cousas. Que cres que hai en O Corno de Arima?

Unha cineasta sempre fai a mesma película aínda que teña formas narrativas diferentes, espazos diferentes ou personaxes diferentes. Pero dalgún xeito, é unha prolongación dunha mesma película. En Arima podemos ver cousas que logo seguen explorándose en O Corno, como é a cuestión de mirarse no outro, a tensión que subxace e se desplaza como unha sensación existencial, ou o interese por poñer no centro á muller. Hai moitos elementos que se vislumbran e que continuarán véndose.

Tirando por este fío, tes algún límite á hora de retratar aspectos íntimos?

Para min, a linguaxe cinematográfica é unha cuestión ética: onde posicionas a cámara, canto te acercas, que distancia tomas do que estás a rodar, en que te fixas, que illas da realidade no teu encadre, que se ve ou que non se ve…Intento que todo o que pode entrar dentro da linguaxe cinematográfica sempre parta dun respecto á vida. Non creo que haxa nada que non se deba rodar, senón que se trata máis ben de como debes miralo.   

O desenvolvemento lento pode axudar a superar a tendencia aos contidos rápidos?

Creo que todo autor pretende xerar un movemento no espectador, e aínda que é moi difícil que un filme poida transformar a sociedade, si que hai certa tendencia a contaxiar as formas de mirar o mundo.  

Falando dos precedentes, O Corno é o primeiro filme rodado en galego e portugués en acadar unha Cuncha de Ouro. Pensas que este recoñecemento —no sentido puramente lingüístico— abre fronteiras á hora de fomentar outras creacións similares? 

Si, eu creo que é moi importante sentar precedentes e que haxa valentía nese sentido, tanto por parte dos directores, como dos produtores ou dos distribuidores. Se miramos a historia recente, hai películas que foron abrindo posibilidades con respecto ao idioma.

Cres que actualmente pode seguir falándose do Novo Cinema Galego?

Eu creo que se transformou e a súa natureza foi mudando moito pero é unha xeración de cineastas que segue dando moitísimo cine de vangarda. Tamén é normal que unha etiqueta que nace nun momento determinado non aplique a outras xeracións que teñan ganas de pasar a outra cousa. Todo o que sobe debe caer. De todas formas, creo que a xeración do Novo Cinema Galego todavía continúa creando cine moi fértil. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta