Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2025 | Actualizada ás 18:01
A Consellería do Mar publicou a orde que regula o coñecido como 'aviveiramento', unha práctica consistente en manter vivas fondeadas no mar determinadas especies ata que son levadas a lonxa para a súa poxa. Así, poderán manterse nestas condicións durante un máximo de sete días consecutivos, aínda que este tope pode ampliarse baixo autorización "en épocas de maior valor comercial".
O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste martes publica o texto no que se recolle que se trata de especies "cuxo valor á hora da súa comercialización depende de que se manteñan vivas", polo que non son desembarcadas e almacénanse no mar. En concreto, estas especies son: camarón, nécora, centolla, boi, bogavante, lagosta, santiaguiño e anguía. A Xunta recoñece que se trata de dar resposta a unha "vella reclamación" do sector ante "o baleiro" legal existente.
Mar aclara que para o desenvolvemento desta actividade o lugar no que se manteñen estas especies pode ser a propia borda da embarcación, unha aboia de fondeo ou lugares onde se efectúa a atracada permanente de barcos pesqueiros. Estes emprazamentos "necesitan estar debidamente identificados" para que as características básicas da embarcación que realiza o traslado sexan perfectamente visibles. O marisco estará nun colector ou unha gaiola fóra da embarcación onde as capturas se manteñan vivas ata o desembarque.
Así mesmo, créanse dous documentos para a "rastrexabilidade" denominados: declaración de traslado e rexistro de finalización de declaración de traslado. Só se poderá expedir unha declaración de traslado por día e embarcación. O número máximo de declaracións será de cinco. A marxe autorizada de cantidades na declaración de traslado será do 10 % ou do 20 % cando a cantidade non supere os 100 quilos en equivalente de peso vivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.