O retorno do leirón careto

En tempo de campañas electorais neste 2016 bótanse de menos dous elementos: a paixón e o entusiasmo. Semella que os candidatos gastan excesiva enerxía en criticarse e en descualificarse, cando o que pretenden é nada menos que ser quen presida un país enteiro, un país como o español de longa e tortuosa historia, cheo de sombras pero tamén de luces recoñecidas no mundo. Unha lección da vida é que -a non ser que falemos dalguén cunha xenialidade tan grande que lle permita ser amortuxado - as persoas que destacan en calquer eido amosan sempre as características calidades da vehemencia, da vontade case invencible, da fe en si mesmos.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 30/06/2016

Comparte esta noticia

Vexamos algunhas lembranzas. Pouco antes de partir en 1977 para unirme aos pais na emigración en New Jersey acórdome da felicidade que representaba ver a televisión en familia, cos meus tíos, meus primos, miña irmá e miña avoa fronte a un rectángulo máxico de cristal. Daquela, unha das voces máis coñecidas era a de Félix Rodríguez de la Fuente (fonte feliz). Asombraba que puxera tanta emoción na súa voz para falar dos campos e montes, dos lobos, das aves, ou dun animal minúsculo e  gracioso de aspecto e de nome: un roedor chamado leirón careto.

No programa "El hombre y la tierra" dedicado a esta criatura que en tamaño está entre un rato e unha rata o amigo Félix (que faleceu en 1980 en Shaktoolik, Alaska  cando só tiña 52 anos) conta que se dedicaron dous anos para conseguir as imaxes da vida da nai leirona e os fillos no interior dun tronco. O vídeo está en YouTube e tamén na páxina da Radio Televisión Española e nel hai por certo nunha secuencia un deses paralelismos que cos anos se encontran nas artes: cando unha culebra (un dos múltiples depredadores que ameazan aos infensivos leiróns) entra na guarida dos protagonistas, móvese como a extensión metálica alieníxena que ataca a Tom Cruise e a Tim Robbins na película "A guerra dos mundos". Vería Steven Spielberg este documental español?

Outra serie desa época dos anos setenta que ilusionaba co seu sereno entusiasmo era "Los ríos" de 1975. Aprendíase a amar a paisaxe que nos rodea, á xente e á natureza que sustenta unha parte fundamental das nosas almas en movemento.

Veñen á memoria outros exemplos entrañables de entusiasmo: o divulgador científico Carl Sagan e "Cosmos", o cociñeiro Jamie Oliver, o divulgador da ópera Ramón Gener, e os Beatles! Hai un momento delicioso dun concerto dos de Liverpool: vese no vídeo presente en YouTube como en 1965, tocando en Blackpool, Paul McCartney amablemente presenta o tema "Ticket To Ride" e - en contraste coa excelente sintaxe e a riqueza do vocabulario de Félix - cos nervios Paul trabúcase e di "our record before". Ó seu lado, John Lennon - que ó parecer era encantador cando estaba de boas -  búrlase con cariño da excitación do seu compañeiro repetindo esas palabras. Diante deles, centos de mozas e mozos berran e contemplan incrédulos en extase o triunfo do talento e do carisma.

Tamén se nota ese fulgor en moitos dos mellores ensinantes, estudantes e conferenciantes. En tódolos traballos e en tódalas ocupacións - sempre que o fondo e os obxectivos sexan positivos e nobres - agradécese ese extra de motivación e entrega.

Non hai, pois, que durmirse coma un leirón. Xa advertía hai uns días Manuel Rivas sobre os perigos da indiferencia. A vida, imprevisible, non é moi longa, e por iso convén dar importancia a cada día. Que os teléfonos móbiles e internet non nos separen dos demais e do entorno, da natureza. Que interactuemos por un mundo mellor, máis xusto e digno. Que os nenos gocen dos seus dereitos á inocencia e á felicidade. Que saibamos todos ter entusiasmo e paixón!.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.