Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2025 | Actualizada ás 22:00
O persoal contraincendios da Xunta recolle varias figuras e entre elas a de brigadista contraincendios, porén, e aínda que a Relación de Postos de Traballo, RPT, da Xunta recoñece a figura do brigadista helitransportado mais na práctica non existe, segundo apuntan desde CCOO. En realidade, son tratados como brigadistas que reciben uns 100 euros máis por iren en helicóptero e o risco que pode supoñer. Aínda máis, moitas destas persoas non terían pasado as probas necesarias para ser helitransportado.
Un brigadista ou bombeiro contraincendios debe facer a proba “field test” (proba de campo). Este exercicio consiste en percorrer unha distancia de 3.200 metros en 30 minutos cunha mochila de 11 Kg ás costas e sen correr. A proba da helitransportada, a “pack test”, supón percorrer 4.800 metros en 45 minutos cunha mochila de 20Kg.
Esta última proba si se fixo hai dous anos para tres bases: Queimadelos, Toén e O Barco. A cuestión é que a día de hoxe dentro dun mesmo grupo helitransportado pode haber persoas coa proba realizada e outras non. “Pode haber unha base con 24 bombeiros, por exemplo, e se quere entrar un novo ten que facer a “pack test”” e os demais compañeiros non a terían. No exame de oposicións para o corpo de bombeiros forestais tampouco se recolle a figura de helitransportados. Non se descarta que nun futuro próximo haxa que introducir este posto de traballo se se segue a lei 20-21.
PILOTOS E HELICÓPTEROS
Ademais de todo isto está a seguridade e fiabilidade dos helicópteros. A día de hoxe os diferentes modelos (mesmo os antigos Bell 412) estarían en condicións óptimas coas súas revisións cada 25 horas de voo. Os sindicatos e fontes próximas ás bases da provincia da Coruña sinalan que todos os aparatos estarían en perfectas condicións. Sobre os seus pilotos, a día de hoxe a maioría serían españois contándose algún caso de tripulantes portugueses que traballarían para a mesma empresa (Airworks) nun país e noutro en diferentes quendas.
Actualmente, unha das empresas, Avincis, declarouse en folga ante as condicións laborais e salariais que non se revisan desde hai dez anos. A Xunta xa publicara en xuño un decreto de servizos mínimos que supoñían a cobertura do 100% do traballo. “Iso é ilegal, mais cando ti levas isto a xuízo a sentenza sae cando a folga xa ten finalizado”. Por tanto, a día de hoxe, os pilotos de Avincis, en caso de denunciaren, terían unha sentenza moi posterior ao fin do período de folga.
CONVENIOS, ACORDOS E BOCADILLOS
O goberno galego ten dous documentos para os e as traballadoras da administración autonómica, o Acordo para o Persoal Funcionario da Xunta e o V Convenio Único de Persoal Laboral da Xunta de Galicia. Este último foi aprobado en 2006 e a día de hoxe está prorrogado e por tanto seguen vixentes os puntos que recolle. A negociación dun novo convenio para o persoal laboral está pendente e de momento ningunha forza sindical sabe cando sería posible abordar esta cuestión.
Os salarios dos cadros laborais varían segundo o grao de responsabilidade, un xefe de equipo pode cobrar 2.000 euros, un condutor de motobomba 1.800 euros e un bombeiro sobre 1.400 euros. Recoñécense elementos como perigosidade, toxicidade e especial dedicación, estes puntos engadirían cantidades a maiores sobre o seu salario. Os salarios dos funcionarios veñen reflectidos no seu Acordo e os complementos que se lles recoñecen son os de especificidade e o de destino. Á parte, estes últimos poden ter vacacións no verán sempre e cando non superen o 25% do persoal e se non hai risco elevado de incendio.
Fontes de UGT preguntadas sobre elementos mellorables dentro dos labores de extinción apuntan sen pensalo dúas veces ao avituallamento. “Unha persoa que estea traballando dez ou doce horas facendo fronte ao lume ten un evidente desgaste físico” e por tanto, existe unha evidente necesidade de recuperarse. Por iso, desde esta forza sindical consideran que non é axeitado para este persoal que se lles entreguen bocadillos, algo de froita e auga para recuperarse do gasto enerxético sufrido.
Recoñécese que é moi complicado a xestión dun catering para os traballadores contra o lume, e a solución inmediata é a de chamar a algunha empresa especializada ou contar cos bares, restaurantes e tendas do lugar para a subministración de comida. Mais insístese, é moi necesario mellorar este apartado para o mantemento, sobre todo físico, dos e das traballadoras.
Enviouse consulta á Consellería de Medio Rural preguntando en concreto sobre a cuestión das brigadas helitransportadas. Até o momento da finalización desta reportaxe non se tivo resposta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.