Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2025 | Actualizada ás 10:35
A vaga de incendios que vive a provincia de Ourense xerou un empeoramento na calidade do aire, que preocupa aos habitantes. Nalgúns pobos de Vilamartín de Valdeorras como Cernego ou San Vicente, os veciños saen á rúa con máscaras. Unha recomendación que subliña o neumólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), Hugo Gómez, para evitar síntomas a longo prazo.
Neste contexto, Gómez explicou a Europa Press que os incendios desprenden compostos orgánicos volátiles e gases tóxicos, que a través das partículas en suspensión acceden ao aparello respiratorio e "complican a vida a persoas con enfermidades crónicas como asma ou EPOC". Ademais, estas partículas acceden ao torrente sanguíneo, "causando problemas a nivel respiratorio e cardíaco".
Ademais, desenvolveu, nas zonas onde o aire está máis contaminado, como Larouco, isto afecta mesmo a pacientes sans, causándolles tose, fatiga ou falta de aire, polo que subliñou que "non hai que baixar a garda e débese pór máscara tipo FFP2 ou N95, como mínimo". Nesta liña, sinalou que están a chegar casos ao CHUO e aos centros de saúde de pacientes, especialmente do Barco, sur de Ourense e Verín, que "denotan dificultade respiratoria", así como persoas asmáticas que utilizan broncodilatadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.