O epicentro dos incendios, Chandrexa de Queixa, pide ao Goberno ser declarado "zona catastrófica"

"Esta catástrofe ambiental é a máis grave que sufriu o municipio na súa historia recente", denuncian.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2025 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

A Corporación municipal de Chandrexa de Queixa acordou, por unanimidade, pedir ao Goberno estatal ser declarado 'zona catastrófica' ou 'zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil'. Xustifican a petición na afectación do incendio que orixinou no municipio o 8 de agosto. Concretamente, 16.000 hectáreas calcinadas repartidas en aldeas como Forcadas, Zamorela, Parafita, Casteligo, Chao, Paradaseca, Vilar, Espasa, Senra e Taboazas, "e que foi escalando ata converterse nunha auténtica emerxencia sen precedentes en Galicia".

Lembran que a día de hoxe o foco segue activo, clasificado en Situación 2 polo seu perigo. "Esta catástrofe ambiental é a máis grave que sufriu o municipio na súa historia recente", denuncian. Detallan que as consecuencias económicas para o sector primario, "clave" para a localidade, son aínda "incalculables", ao que hai que sumar o "colapso dunha vivenda e numerosos peches, que provocou o falecemento de varios animais e a falta de abastecemento para alimentar o gando".

Por todo iso, piden a declaración para poder obter as axudas da Comunidade autónoma e do Estado, "coa intención de paliar na medida do posible, os danos sufridos pola poboación". Piden tamén á Xunta de Galicia que se consideren como superficies admisibles as superficies queimadas para as distintas liñas da PAC ou ben que se traslade dita petición ás administracións competentes; que se permita o pastoreo mediante autorización expresa nas zonas ardidas e que se dispoñan os medios necesarios para a reparación dos danos ocasionados.

Incendio en Ourense
Incendio en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

AXUDAS DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta informa que está a traballar na convocatoria das axudas aos propietarios afectados polos incendios rexistrados nestas semanas, a maioría deles na provincia de Ourense. Tal e como trasladou o Goberno galego nunha nota de prensa, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e a directora territorial da Consellería de Vivenda en Ourense, Pilar Fernández, mantiveron este venres unha reunión técnica para tratar as actuacións para facer fronte ás consecuencias dos incendios en materia de vivenda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta