CCOO pide a "estabilidade laboral" de efectivos de extinción e "substitucións" en departamentos de Medio Rural

Denuncia "falta de medios", xa que sinala que hai case 180 traballadores medios dos 630 necesarios para operar as 157 motobombas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 02/09/2025 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

Comisiones Obreras (CCOO) de Galicia reclama á Xunta medidas tras a vaga de incendios que arrasou miles de hectáreas durante o mes de agosto. Entre elas, un "pacto forestal galego", coa participación de todos os axentes implicados; a "estabilidade laboral" do dipositivo de extinción, e o cumprimento da lei de incendios e a normativa de montes. Estas son as conclusións expostas este martes pola secretaria xeral de CCOO en Galicia, Amelia Pérez, segundo traslada o sindicato nunha nota. A responsable trasladou as súas "condolencias" ás familias de falecidos e "solidariedade" aos feridos, así como "todo o apoio" do sindicato ao persoal de extinción.

"Esta onda non só é un problema da Consellería do Medio Rural, senón tamén da de Medio Ambiente, que estivo completamente desaparecida", afeou, dirixíndose á Xunta. Desta forma, insistiu na reclamación para que se asuman consecuencias e haxa "substitución" fronte á Secretaría Xeral Técnica e a Dirección Xeral de Defensa do Monte. Nesta rolda de prensa, a "falta de medios" tamén ocupou un lugar central. Así o denunciou o xefe de brigada e presidente do comité de empresa da Consellería do Medio Rural en Ourense, Óscar Rodríguez, quen sinalou que só hai ao redor de 450 traballadores, dos 630 que estima necesarias, para manexar 157 motobombas.

"Non existe ningunha trama incendiaria en Galicia nin no resto do Estado. O que hai son causas múltiples e, sobre todo, a repetición dos mesmos erros e das disputas políticas ano tras ano", expuxo Amelia Pérez, en alusión indirecta a declaracións do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que, durante a onda, falou de "terrorismo incendiario". A sindicalista insistiu en que fai falta unha "análise rigorosa do sucedido", así como "aprender do que pasou e asumir os erros con humildade".

RECLAMACIÓN DE MEDIDAS

Por outra banda, Amelia Pérez subliñou que "o verán non finalizou" e advertiu de que "o cambio climático é unha realidade que está aí", polo que "non é suficiente" con pensar en solucións a longo prazo, senón que tamén é necesario actuar de inmediato. Neste contexto, presentou unha serie de propostas, que caracteriza como "serias e construtivas". Entre elas, destacou a apertura dun "pacto forestal galego" con todos os axentes implicados e a planificación dos recursos humanos e técnicos "con criterios profesionais e non partidistas". Tamén insistiu na necesidade de garantir o "cumprimento estrito" das leis de incendios e montes, que hoxe permanecen incumpridas en cuestións fundamentais.

Pola súa banda, o responsable de Acción Sindical de CCOO no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF), Carlos Hermida, denunciou a "elevada temporalidade", que afecta a máis do 40 % do operativo. Ademais, criticou que a Xunta anunciase o pasado agosto unha oferta pública de emprego (OPE) con exames en febreiro, "cando aínda non están resoltos outros concursos". A organización xa solicitou o adiamento desa convocatoria para que o persoal saiba se obterá praza ou terá que prepararse para este novo exame.

FALTA DE MEDIOS

Así mesmo, o xefe de brigada e presidente do comité de empresa da Consellaría do Medio Rural en Ourense, Óscar Rodríguez, denunciou a "falta de medios" para manexar o dispositivo. Explicou que para operar as 157 motobombas serían necesarios 630 traballadores e traballadoras, pero só hai ao redor de 450, case 180 menos. Afeou tamén que, ao comezo da época de alto risco, aínda faltaban por incorporar unhas 300 persoas, o que "incrementa o tempo de reacción e agrava as consecuencias dos incendios". Do mesmo xeito, recorreu aos datos oficiais e comparou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) de 2021 co actual, a partir do que sinalou unha "redución de recursos", especialmente nas brigadas municipais.

Amelia Pérez Álvarez
Amelia Pérez Álvarez | Fonte: CC.OO.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta