A oposición insiste en que se investigue o aumento da siniestralidade laboral en Galicia

O ISSGA di que avaliará os accidentes ocorridos na vaga de incendios e a oposición urxe medidas específicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2025 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

Os grupos do PSdeG e o BNG demandaron á Xunta medidas urxentes fronte ao aumento da sinistralidade laboral en Galicia, tanto en 2024 como no que vai de ano, e, tras a vaga de incendios, con medidas específicas no persoal contraincendios ante os accidentes ocorridos en bombeiros e brigadistas que interviñeron neles.

Sobre este punto, a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), María Adela Quinza-Torroja -- que compareceu a petición propia para dar conta dos plans impulsados por este organismo para facer fronte á sinistralidade -- incidiu en que se investigarán os accidentes ocorridos para avaliar tamén novas medidas. "Seguramente serán multidisciplinares, haberá que adaptar a formación a estes incendios de sexta xeración", aseverou.

Fíxoo nunha comparecencia na que apelou a traballar de forma conxunta con todas as organizacións implicadas para facer fronte á sinistralidade laboral, insistindo no carácter "preventivo". Tamén fixo balance das campañas e programas de sensibilización e información, así com o asesoramento técnico e seguimento cunha xestión preventiva "atendendo tanto aos novos e emerxentes riscos como os tradicionais".

En canto aos primeiros, apuntou a cuestións como o risco químico en empresas para insistir tamén en que se porá o foco nos psicosociais, así como os derivados do envellecemento da poboación traballadora e aspectos como a dixitalización e o teletraballo.

Un grupo de traballadores da construción nunha obra
Un grupo de traballadores da construción nunha obra | Fonte: EP

PLAN DE CHOQUE

Foi na intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego na que a deputada socialista Silvia Longueira reclamou un plan de choque contra a sinistralidade laboral, un reforzo dos recursos persoais e materiais do ISSGA e un programa concreto para bombeiros con medidas como un estudo epidemiolóxico en Galicia para coñecer o impacto real da exposición ao lume.

Respecto da sinistralidade laboral no seu conxunto, remarcou o "repunte alarmante" de falecidos, con 64 en 2024 e 32 no primeiro semestre de ano. Desde o BNG, o deputado Ramón Fernández Alfonzo incidiu nun cambio ao argumentar en que as medidas de prevención están "a fallar". Tamén solicitou incentivar as inspeccións.

"O obxectivo é criminalizar a empresarios, ao Gobiero galego e ao presidente da Xunta", sostivo Noelia Pérez ante as críticas da oposición á xestión do Executivo autonómico nesta materia e ao demandar máis medios. Desde Democracia Ourensá, Armando Ojea, aludiu tamén á formación de brigadistas tras os incendios rexistrados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta