As hectáreas queimadas en Galicia: entre o debate "frívolo" e a culpa das altas temperaturas

A responsable de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, responsabiliza da situación ás altas temperaturas de agosto. Nova manifestación este domingo contra o "Prestige interior", mentres que BNG pide dimisións e o PSdeG acusa de "negacionista" a Rueda.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/09/2025 | Actualizada ás 22:19

Comparte esta noticia

Debate "frívolo" e interese dalgúns políticos en que "cantas máis hectáreas ardan, mellor". O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insiste en evitar entrar a falar das hectáreas queimadas en Galicia na vaga de incendios de agosto que o seu goberno deixa por baixo das 100.000 e que o sistema da Comisión Europea, Copernicus, tal e como informou o Goberno español elevan a 144.000 hectáreas.

Efectivos aéreos dos bombeiros durante os labores de extinción do incendio de Avión
Efectivos aéreos dos bombeiros durante os labores de extinción do incendio de Avión | Fonte: Adrián Irago - Europa Press

Uns datos que non coinciden cos da Xunta que critica o "interese" do Goberno de Sánchez por dalos a coñecer. A xuízo de Rueda, o modo de actuar que practican "algúns responsables políticos" porque o seu "maior interese" é "dar a entender que cantas máis hectáreas ardesen, mellor".

"Pero hai que contar o que hai. Simplemente dar os datos para que os coñeza a cidadanía. Non se frivoliza nada; dise, dentro da magnitude e da importancia do dano enorme que causaron os incendios, a división do tipo de terreo que ardeu", dixo Rueda en alusión ás declaracións do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, que o acusou de "frívolo" por dicir que a maior parte do monte que ardía era "monte baixo".

CULPA DAS ALTAS TEMPERATURAS

Unha postura que mantén a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que acvertiu que o territorio segue en fase de alto risco, aínda que as choivas dos últimos días fan que ese risco diminúa. "Pero aínda non se pode baixar a garda", matizou.

Así o trasladou en declaracións aos medios nunha visita a actuacións realizadas na provincia de Lugo dentro do Plan de Prevención de Incendios Forestais. Alí, insistiu que a actividade incendiaria deste ano "facía moitos anos que non se daba" e culpou da situación ás altas temperaturas que se viviron no mes de agosto. A responsable de Medio Rural non quixo facer unha valoración da situación ata que termine o período de incendios "e os técnicos poidan facer un estudo de todos os datos, das hectáreas, das causas e das actuacións que se fixeron".

VOLVEN AS PROTESTAS

Estes argumentos non convencen á plataforma 'Por un Monte Galego con Futuro', que reúne 62 asociacións e organizacións, que volveu chamar á poboación a manifestarse o vindeiro domingo en Santiago de Compostela para reclamar "lumes nunca máis" e protestar fronte ao "Prestige do interior", como se refire a a vaga de incendios deste verán en Galicia.

Así figura no manifesto que se lerá na convocatoria que percorrerá as rúas da capital galega e que foi presentado este luns nunha rolda de prensa, na que se solicitou ao Goberno autonómico que adopte de forma "urxente" 11 medidas para previr novas vagas de incendios. "Gran parte destes espazos quedaron tinguidos de negro, en forma dun 'Prestige do interior', que deixa unha paisaxe desoladora, unha terra devastada e un futuro incerto", sinala o documento en referencia ao desastre ambiental que, en 2002, afectou a 3.000 quilómetros de costa, con afectación no litoral español, portugués e francés.

De feito, o manifesto difundido tamén sinala cales son as demandas da mobilización do próximo domingo, programada para saír ás 12,00 da Alameda compostelá. Entre as medidas que entenden que son urxentes, os autores reclaman que a Xunta, por exemplo, impulse unha "moratoria indefinida" para novas plantacións de eucaliptos en Galicia --a actual extínguese o 31 de decembro--.

Un helicóptero recolle auga para axudar cos labores de extinción do incendio
Un helicóptero recolle auga para axudar cos labores de extinción do incendio | Fonte: Adrián Irago - Europa Press

DIMISIÓNS

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vai máis lonxe e destacou que este martes aproveitará a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento de Galicia para pedir a súa dimisión pola "incompetencia" e "neglixencia" do seu Goberno durante os incendios que afectaron a Galicia no mes de agosto.

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega, Pontón denunciou as "responsabilidades políticas" do máximo mandatario autonómico detrás dos "maiores incendios" da historia de Galicia que, segundo denunciou, "deixan unha catástrofe ambiental, social e económica".

"NEGACIONISMO" 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sen ir tan lonxe coa Pontón, atribuíu ao "negacionismo" do Partido Popular tanto a crise dos incendios rexistrada en Galicia no mes de agosto como a "deterioración" dos servizos públicos.

O xefe de filas dos socialistas galegos reclamou un "cambio inmediato de rumbo" na política forestal da Xunta e lembrou que a vaga de incendios do pasado mes de agosto deixou en evidencia "a falta de planificación, os déficits de persoal e a ausencia de medios" do Goberno galego. "O que Galicia necesita son solucións, non escusas", dixo para soster que despois de 17 anos de gobernos do PP séguese co "mesmo problema" pero "cada vez con maior gravidade". 

SEN "IDELOXIZACIÓN"

E neste debate, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, apostou por actuar "a escala forestal, non a escala persoal, individual, humana ou mesmo política" para combater os incendios forestais. "Temos que pedirnos a todos, políticos, institucións, empresas, traballadores, que non ideoloxicemos esta materia", sinalou este luns Sánchez en clausúraa do Foro Económico pola Descarbonización.

No acto, lembrou que hai unha semana o Goberno presentou o seu pacto de Estado fronte á emerxencia climática, "un gran acordo aberto a todas as institucións, a todas as empresas, tamén os representantes dos traballadores, aos partidos políticos, á ciencia, ao mundo académico, ao conxunto da sociedade, incluíndo ás empresas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta