Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/09/2025 | Actualizada ás 13:27
O Parlamento de Galicia aprobou este mércores unha iniciativa impulsada polo PPdeG --apoiada polos socialistas galegos e o deputado de Democracia Ourensna-- para reclamar ao Goberno que acorde o "inmediato rescate da concesión" e a liberalización da peaxe da AP-9 tras o ditame da Comisión Europea que o PPdeG considera que abre unha "oportunidade única".
Aínda que foron diversos os acordos unánimes sobre este asunto na Cámara galega, nesta ocasión e tras o informe de Europa, o BNG optou pola abstención xa que, segundo defendeu o deputado nacionalista Luís Bará, a prórroga da concesión debe ser "anulada" ao considerar que o rescate suporía "encher de novo os petos da concesionaria".
O encargado de defender a proposición non de lei foi o deputado do PPdeG Roberto Rodríguez quen sostivo que a iniciativa reclama "respecto e dignidade para Galicia", cunha "AP-9 galega e cento por cento gratuíta". O parlamentario popular fixo referencia ás prórrogas das concesións "tanto a do Goberno de Felipe González como a do Goberno de Aznar" para asegurar que "ningunha das decisións presentes ou futuras que poidan supor a transferencia ou o rescate están, a día de hoxe, condicionadas por unha decisión pasada".
O PSOE APOIA A INICIATIVA
A iniciativa contou --que tivo senllas emendas do PSOE e BNG que non foron aceptadas polo PP-- co apoio do deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, así como do Grupo Socialista, cuxa postura foi exposta polo parlamentario Carlos López Font. Na súa intervención, o deputado socialista considerou que a iniciativa dos populares supón "unha emenda á totalidade" á política practicada polo PP en Madrid xa que "sen darse conta a quen pon a pan pedir é ao PP".
López Font asegurou celebrar que se estea "cada vez máis preto da declaración dunha posible ilegalidade da prórroga" concedida por Aznar e criticou o "silencio" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, neste asunto. Así mesmo, afirmou que os galegos "non son parvos" e saben quen aprobou a prórroga así como quen sacou adiante as "bonificacións". "Temos unhas bonificacións grazas ao goberno de Pedro Sánchez e estamos no camiño da gratuidade grazas a Pedro Sánchez", defendeu.
O BNG PIDE A ANULACIÓN DA CONCESIÓN
No debate, o deputado do BNG Luís Bará, que iniciou o seu discurso denunciando o "xenocidio en Palestina" por parte do Estado de Israel e o seu "orgullo" polas mobilizacións en Galicia con motivo da participación dun equipo israelí na Vuelta, incidiu en que a concesionaria da AP-9 "está a forrarse" pola decisión de Aznar.
Tras acusar a PSOE e PP de "traizoar a Galicia" cada vez que "pasan o Padornelo", defendeu que a concesión "ten que ser anulada". "O Goberno central ten que revisar de oficio a prórroga por vulnerar o procedemento legal establecido, o Goberno central non ten que rescatar a concesión como pretende o PP, porque iso sería unha ruína para as arcas públicas" e "encher de novo os petos da concesionaria" ao "incrementar a compensación de lucro cesante", sostivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.