A conselleira do Medio Rural erixe o operativo anti incendios no "mellor" de Europa

Con todo, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tras reivindicar as "melloras" acometidas "de 2009 en diante", desde que o PP volveu á Xunta, mostrouse aberta a acometer cambios de protocolos se é preciso e a traballar para reforzar medios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2025 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, defendeu este mércores o operativo anti incendios que combateu en Galicia a onda do pasado agosto, que erixiu, no "mellor de Europa". Con todo, tras reivindicar as "melloras" acometidas "de 2009 en diante", desde que o PP volveu á Xunta, mostrouse aberta a acometer cambios de protocolos se é preciso e a traballar para reforzar medios. Durante o debate en senllas interpelacións parlamentarias, nas que recibiu invitacións a dimitir por parte de Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) e de Montserrat Valcárcel (BNG), Gómez defendeu que estivo "ao pé do canón" e remarcou o carácter "excepcional" dunha vaga de incendios da que, lembrou, "houbo ministros que dixeron que non se podían apagar".

A Xunta, contrapuxo, "non se rendeu, nin se viu colapsada", continuou, mentres a oposición afeáballe ter medios "parados" por falta de persoal ou a carencia de "formación". Dacosta aludiu aos brigadistas que sufriron queimaduras graves e afeou á conselleira "enviar" a un mozo de 18 anos sen experiencia "a combater un incendio de sexta xeración". Gómez defendeu as "melloras" nas condicións dos efectivos de prevención e extinción, e contrapuxo a situación co que sucedía, agregou, na gran vaga de lumes de 2006, cando o bipartito de PSdeG e BNG dirixía a Xunta. "Entón si que non pertencían á Xunta, senón que o servizo estaba en parte externalizado", dixo, antes de dar un dato: "desde 2009 creáronse 1.038 postos máis en brigadas".

"E con condicións laborais que non teñen nada que ver co pasado. Pero non todo é persoal, tamén se deu un salto cualitivativo en medios e en innovación", continuou, antes de matizar que, "a pesar de todo o esforzo humano e material", non se puido "evitar unha traxedia" como a vivida en agosto. "Sentímolo profundamente, por suposto que si; e estamos dispostos, como fixemos sempre, a analizar minuciosamente todo o sucedido para aprender e garantir que esta situación non se repita e de facer o posible para que nos atope mellor preparados", esgrimiu, antes de abrirse a "facer autocrítica". "Se hai que cambiar protocolos, tamén os cambiaremos. E se hai que seguir pondo medios para a prevención e extinción, non lles caiba dúbida de que, como anunciou o presidente da Xunta, poranse máis medios", agregou a responsable de Medio Rural.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no pleno
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no pleno | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta