Ana Miranda acusa a Ursula Von der Leyen de ser “cómplice do xenocidio en Gaza”

A eurodeputada do BNG denuncia que a presidenta da Comisión Europea converteu á UE nun “aparello burocrático e militar” ao servizo de Estados Unidos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/09/2025 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acusou á presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen de ser "cómplice do xenocidio en Gaza" e de converter á Unión Europea nun "aparello burocrático e militar, alleo ás necesidades reais da cidadanía e centrado no seu servilismo aos intereses de Estados Unidos". De feito, referiuse a ela como a "señora da guerra". Así se expresou no contexto do debate do Parlamento Europeo sobre o estado da Unión.

Miranda denunciou que, baixo a presidencia de Von der Leyen, a Unión Europea transformouse " nunha peza dunha engrenaxe militar que non responde á vontade dos pobos". Sobre isto, puxo como exemplo a "complicidade" da Comisión co goberno de Israel fronte ao "xenocidio contra o pobo palestino en Gaza", o que, ao seu xuízo, "mancha a credibilidade moral da UE".

Tamén acusou á presidenta de condicionar os fondos de cohesión -- inicialmente creados para reducir as desigualdades sociais e territoriais -- ás "prioridades militaristas", "ignorando así as necesidades máis urxentes da cidadanía europea".

Considera que a política de Vond der Leyen ignora os problemas da cidadanía, como a falta de vivenda accesible ou a precariedade laboral, "mentres se desvían recursos para alimentar a guerra en lugar de investir en cohesión social, educación, sanidade e benestar".

GALICIA, "TRATADA COMO COLONIA"

Por outra banda, Miranda censurou o trato da Unión a Galicia, "como unha colonia", "expoliando os recursos naturais, impondo decisións drásticas sobre sectores produtivos como o mar, a agricultura e a industria, e negando o recoñecemento da lingua propia e das competencias nacionais, e mesmo descoñecendo que os graves incendios sufridos este verán producíronse en Galicia".

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no Pleno da Comisión Europea. BNG
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no Pleno da Comisión Europea. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta