O BNG trata de impulsar, sen éxito, unha declaración contra o xenocidio en Gaza e en defensa das protestas en La Vuelta

Afea ao PP "boicoteala" e "nin molestarse en responder", mentres os populares lembran que estas iniciativas non sempre saen adiante.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2025 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O BNG tratou de impulsar, sen éxito, dado que este tipo de iniciativas requiren do consenso de todos os grupos, unha proposta de declaración institucional no Parlamento de Galicia en defensa do pobo palestino e en contra do xenocidio en Gaza. Tamén puña o foco nas mobilizacións e detencións, coa Volta como pano de fondo. Os nacionalistas acusaron ao PPdeG de "boicotear" esta iniciativa e denunciaron que "nin se molestaron en responder" á proposta do Bloque sobre un conflito "no que o Estado de Israel masacrou a máis de 70.000 persoas".

"Que é o que ten que pasar para que o PP condene o Estado xenocida de Israel?", preguntouse a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil. Pola súa banda, a preguntas de Europa Press, os populares declinaron pronunciarse sobre este asunto máis aló de lembrar que esta proposta de declaración non frutificou igual que sucedeu noutras ocasións con iniciativas do mesmo tipo impulsadas polo seu propio grupo e sobre as que non houbo acordo, como é necesario para que as declaracións institucionais do Parlamento saian adiante.

Fontes socialistas, pola súa banda, trasladaron a importancia de que, ante asuntos deste calado, poidan ter as propostas con maior antelación. Aínda así, enviaron aos nacionalistas unha resposta na que introducían unha serie de matices que puñan o foco na postura política que está a adoptar neste conflito o Goberno que dirixe Pedro Sánchez. A iniciativa do BNG condenaba "o xenocidio perpetrado polo Estado de Israel contra o pobo palestino", cuxa soberanía e o dereito a recuperar o seu territorio reivindicaba, ademais de denunciar "a inacción da comunidade internacional" co Estado de Israel.

PROTESTAS

Así mesmo, manifestaba a súa solidariedade con quen, de forma individual ou colectiva participan nos actos de denuncia e a quen participaron nas mobilizacións esixindo a retirada do equipo ciclista Israel Premier Tech. O PSdeG asumía este punto incorporando o cualificativo de "pacífica" a como debían ser os termos da protesta. Finalmente, a proposta dos nacionalistas incidía no seu rexeitamento a "calquera criminalización do exercicio do dereito fundamental á protesta, así como ás detencións levadas a cabo no marco das mobilizacións sociais", co transfondo do ocorrido na Volta.

Decenas de persoas durante unha concentración contra a participación de Israel en La Vuelta Ciclista
Decenas de persoas durante unha concentración contra a participación de Israel en La Vuelta Ciclista | Fonte: Adrián Irago - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta