Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2025 | Actualizada ás 11:50
Un total de cinco persoas están desparecidas en Mauritania despois de que o buque factoría, 'Right Whale' de 105 metros de eslora e bandeira de Gambia, chocase cun pesqueiro de capital galego-mauritano, o 'Tafra 3' con pavillón de Mauritania. O suceso produciuse ás 20.40 horas española deste venres fronte á costa de Nouadhibou, no norte de Mauritania, onde actualmente faenan outras embarcacións de capital galego, así como español.
A bordo do 'Tafra 3', construído en 2001, ían 26 persoas --tres delas españolas--, segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo consultadas por Europa Press, e foron rescatadas 21. Actualmente, hai cinco persoas desaparecidas, todas elas de orixe mauritano. Os tres españois foron rescatados e, segundo informou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, atópanse nun hotel, algún deles recupérase de feridas leves. A colisión do buque 'Right Whale', de capital ruso, provocou unha gran fenda no costado de estribor do 'Tafra 3' --que, ao parecer, atopábase en manobra-- o que fixo que se afundise dunha maneira moi rápida.
Así mesmo, na zona atópanse diferentes barcos de capital galego que colaboran na procura. Salvamento Marítimo solicitou aos seus homólogos MRCC Mauritania a actualización de operacións de procura e están á espera de recibir información sobre o operativo. Pola súa banda, o consulado está en contacto desde o primeiro momento para facilitar todos os trámites necesarios para que poidan volver a España. A conselleira do Mar explicou que a Xunta está en contacto coa empresa armadora, así como coa Secretaría Xeral de Pesca. "Esperamos que as causas deste incidente se esclarezan canto antes", sinalou a conselleira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.