Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/09/2025 | Actualizada ás 15:25
Vox e BNG son o mesmo?, actúan do mesmo xeito?. O presidente da Xunta teno claro e este luns comparou os violentos ataques con coctel molotov contra o centro de menores migrantes de Monforte, coas "declaracións incendiarias" de Ana Pontón acusando ao propio Rueda de fomentar discursos racistas e xenófobos.
"Di que isto é culpa do PP, da Xunta, de Rueda... que sementamos o odio. Iso é utilizar o que pasou como arma política. E iso o están facendo outros extremimos que, afortunadamente, non están en Galicia. (O BNG) utiliza argumentos moi parecidos, e o que di Pontón é unha acusación moi grave que merecería unha disculpa", dixo Rueda ao ser preguntado polo acontecido en Monforte. "Amosa a oposición que temos en Galicia. Se non fora polo grave que é, sería para tomalo a broma. O que fan eles con esas declaracións é sementar odio", engadiu.
O presidente galego vinculou directamente os discursos de Vox e do BNG tras o acontecido en Monforte. "Eu vexo coincidencias entre discursos extremistas... E ollo cos discursos de odio dun lado e do outro". E, tamén, o xeito de proceder, xa que o acto "extremista" de lanzar un coctel molotov é igual de extremista, para o presidente galego, que as declaracións de Pontón acusando a Rueda de fomentar discursos de odio. "Agardo que este tipo de actuacións non se progaguen en Galiia e sexan actitudes illadas", indicou.
PONTÓN CULPA A RUEDA DO ATAQUE POLO SEU "DISCURSO RACISTA"
Previamente, aportavoz nacional do BNG, Ana Pontón, culpou ao "discurso racista" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do atentado. Así, Pontón opina que Rueda "ten que dar explicacións porque a súa posición en relación cos menores migrantes foi unha total irresponsabilidade desde o primeiro minuto". "Alentou un discurso de insolidariedade, racismo e odio contra os menores non acompañados", espeta.
"Rueda está a trasladar a Galicia o discurso da crispación, racista e de odio que practican a señora Ayuso e a extrema dereita; e iso, evidentemente, ten consecuencias", advirte a líder do Bloque. "O Goberno de Rueda ten responsabilidades na situación que pasou esta fin de semana en Monforte e debe de rectificar de inmediato a súa estratexia de confrontación e de crispación", agregou. "O goberno de Rueda non só usou os menores migrantes como un elemento de confrontación e de crispación co Goberno central, senón que utilizou un discurso insolidario", recriminou, no que ve "un tufo racista".
Afea á Xunta "usar os nenos e nenas que están nunha situación de extrema vulnerabilidade como un elemento de crispación e de confrontación co Goberno do Estado", o que identifica o seguidismo "que fai o Goberno galego do guión que lle manda o Partido Popular desde Madrid". Ademais, a líder do BNG mostra o seu rexeitamento a que a Xunta "boicoteou" o programa de acollida e anunciou "guetos" para os menores migrantes, pois estes nenos "non van estar no sistema integral de protección a infancia de Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.