Rueda sobre o futuro de Altri: "A decisión final é deles pero non llelo están poñendo fácil"

Critica a "un deputado do terceiro partido do Parlamento", en alusión a Besteiro, por anunciar que a multinacional non terá conexión eléctrica.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/09/2025 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O futuro de Altri en Galicia non vai depender nin da Xunta, nin do Goberno central, senón da propia multinacional. A pesar de que o Goberno galego xa lle facilitou o máis difícil, o informe de impacto ambiental, que resultou favorable, o de Madrid non llelo está poñendo tan doado tras a decisión de denegarlle a subestación eléctrica en Palas de Rei. Por iso, o presidente galego ten claro que o futuro de Altri en Galicia depende dela.

Manifestantes da plataforma Ulloa Viva durante o descenso en balsas o río Ulla pola protesta contra a fábrica de celulosa Altri
Manifestantes da plataforma Ulloa Viva durante o descenso en balsas o río Ulla pola protesta contra a fábrica de celulosa Altri | Fonte: Elena Fernández - Arquivo

"A decisión final é de Altri", dixo Alfonso Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta na que criticou duramente o anuncio realizado polo líder do PSdeG, José Ramón Besteiro, que dixo que a multinacional portuguesa xa ten tres "non" ao seu proxecto en Galicia: non terá axudas dos Perte, non terá axudas da UE e non terá unha subestación eléctrica para consumo propio.

CRÍTICAS A BESTEIRO

Precisamente, e preguntado por estas declaracións, o presidente galego amosouse moi molesto. "Que o anuncio sexa dun deputado do terceiro partido do Parlamento xa demostra de que vai todo isto e de como funciona", ironizou. Así, criticou que Madrid non basee as súas decisións en criterios técnicos, senón políticos. "Isto a outras autonomías non se lles fai e demostra o respecto que nos teñen en Madrid", indicou.

Rueda insistiu en que a instalación da empresa en Galicia dependerá do que decida a propia empresa, pero lembrou que o seu goberno xa dictaminou que "é viable". "Pero está claro que non llelo están poñendo fácil e a confusión entre criterios técnicos e decisións políticas é palmario", engadiu.

O líder do PPdeG volveulle pedir a Besteiro, "ese deputado do PSdeG", que utilice a súa suposta influencia en Madrid para conseguir outros proxectos en Galicia. E, neste sentido, enmarcou as conversas que van ter lugar esta semana en Madrid entre Goberno central e autonomías sobre as conexións eléctricas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta