Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/09/2025 | Actualizada ás 21:47
Moi quente comeza o novo curso político. Tan quente que xa ferven os principais dirixentes políticos sen dar tempo a que arrefriara o tempo no último día do verán. Rueda, Pontón e Besteiro intercambiaron mensaxes directas a través dos medios de comunicación e, como xa aconteceu antes do verán; Altri e a ultradereita volve a encerellar o clima político galego.
"Que o anuncio sexa dun deputado do terceiro partido do Parlamento xa demostra de que vai todo isto e de como funciona". A indirecta foi do líder do PPdeG ao líder do PSdeG a conto do anuncio feito por Besteiro sobre Altri: que o Goberno vai negar a construción dunha subestación eléctrica para a multinacional portuguesa. O líder dos socialistas galegos resaltaba, deste xeito, o "triplo non" do Goberno a Altri tras descartar que teña axudas do Perte de descarbonización e de axudas europeas "de forma extraordinaria" por 250 millóns. Un anuncio que non lle sentou nada ben ao presidente da Xunta.
Rueda insistiu en que a instalación da empresa en Galicia dependerá do que decida a propia empresa, pero lembrou que o seu goberno xa dictaminou que "é viable" e traballará para que así sexa. "Pero está claro que non llelo están poñendo fácil e a confusión entre criterios técnicos e decisións políticas é palmario", engadiu en alusión aos socialistas. Curiosamente, PSdeG e BNG tamén lle botan en cara ao presidente galego que autorizada a instalación de Altri en Galicia por decisións políticas e non por decisións técnicas.
O líder do PPdeG tentou ridiculizar a Besteiro, "ese deputado do PSdeG", e ironizou en que, se fala en nome do Goberno central, que utilice a súa suposta influencia en Madrid para conseguir outros proxectos en Galicia. Unha actitude desafiante que tamén mantivo coa líder do BNG, a quen tildou de "extremista" e situou ao mesmo nivel que Vox.
CRÍTICAS A PONTÓN
Previamente, aportavoz nacional do BNG, Ana Pontón, culpou ao "discurso racista" do presidente da Xunta, do acontecido en Monforte, onde resultou gravemente danado o centro de acollida de menores migrantes tras ser atacado con coctel molotov. Pontón dixo que Rueda "ten que dar explicacións porque a súa posición en relación cos menores migrantes foi unha total irresponsabilidade desde o primeiro minuto". "Alentou un discurso de insolidariedade, racismo e odio contra os menores non acompañados", espetou.
Unha mensax que tampoucou lle gustou ao presidente galego que vinculou directamente os discursos de Vox e do BNG. "Eu vexo coincidencias entre discursos extremistas... E ollo cos discursos de odio dun lado e do outro". E, tamén, o xeito de proceder, xa que o acto "extremista" de lanzar un coctel molotov é igual de extremista, para o presidente galego, que as declaracións de Pontón acusando a Rueda de fomentar discursos de odio. "Agardo que este tipo de actuacións non se progaguen en Galicia e sexan actitudes illadas", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.