"Agardo que haxa acordo para denunciar esta salvaxada", di Rueda sobre o xenocidio en Gaza

Pontón apoia que se convoquen protestas contra a presenza do exprimeiro ministro de Israel Ehud Olmert no foro La Toja e Besteiro apoia as medidas tomadas por Pedro Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2025 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

Xenocidio, salvaxada, barbarie... Todo dependerá da vontade que haxa entre os catro grupos políticos da Cámara galega para chegar a un acordo para denunciar o que está acontecendo na franxa de Gaza, onde o Goberno sionista de Netanyahu leva asasinadas a case 70.000 persoas.

Manifestación en Vigo pedindo a fin do xenocidio en Gaza
Manifestación en Vigo pedindo a fin do xenocidio en Gaza | Fonte: remitida

O PSdeG promoveu unha iniciativa no pleno desta semana para que todos os grupos asinen unha declaración denunciando o que está acontecendo en Palestina e, tamén, que se garde un minuto de silencio. Pola súa banda, o BNG leva unha proposición non de lei sobre a mesma cuestión. Preguntado ao respecto, o presidente galego agarda que haxa "acordo e vontade de acordo" entre todos os grupos para denunciar o que considera unha "auténtica salvaxada".

"Espero que haxa acordo e vontade de acordo e que non se poñan plantexamentos que sexan inaceptables. Agardemos que non haxa uso político deste tema e sexamos quen de utilizar o sentir dos galegos, que é maioritario, para que se acabe con esta salvaxada... Se non se utiliza con outras intencións pois veremos o que pasa", engadiu.

O presidente galego evitou chamar xenocidio ao que acontece en Gaza pero dixo que "é unha auténtica salvaxada que ten que parar. "Non é de recibo que os habitantes da franxa teñan que sufrir as consecuencias dun grupo terrorista, nin as actuacións dun responsable dun goberno como é Netanyahu", suliñou. 

Por outra banda, tamén criticou a actitude do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores polas súas críticas a que Pontevedra acollera a Vuelta Ciclista. " Hai dous meses o alcalde aplaudia o paso dunha bandeira israel no campionto de Triatlón. Sexamos consecuentes", ironizou Rueda.

CRÍTICAS DE PONTÓN A EHUD OLMERT

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apoia que se convoquen protestas contra a presenza do primeiro ministro de Israel Ehud Olmert no Foro que se celebra o próximo mes na Toxa, municipio do Grove, porque "é unha persoa que ten responsabilidades tamén no xenocidio que se está producindo contra Palestina".

A Coordenadora Galega en Solidariedade con Palestina convocou unha mobilización por este motivo para o 4 de outubro, o cal Pontón ve xustificado debido a que cando Olmert foi primeiro ministro israelí "fomentou a ocupación e o ataque a poboación palestina". Opina que non se debe "blanquear" a "ningún tipo de persoa" que no seu "momento foi cómplice do xenocidio e os ataques" á poboación palestina.

"Seguimos vendo como se bombardea ou se mata de fame a miles de persoas en Palestina e cremos que a prioridade debe ser traballar para que realmente esa situación non se siga producindo, porque evidentemente estamos ante un xenocidio", afirmou Ana Pontón. Mentres, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou o "exemplo de compromiso político" do Goberno de Pedro Sánchez ao recoñecer no seu día ao Estado palestino e chama a "non dar nin un só paso atrás".

O PSDEG ACUSA AO PP DE NEGARSE A GARDAR UN MINUTO DE SILENCIO

Así mesmo, o PSdeG acusou ao PP de negarse a gardar un minuto de silencio na Cámara galega polas "vítimas do xenocidio en Gaza" ao votar en contra da solicitude presentada polo Grupo Parlamentario Socialista na Mesa, unha iniciativa que si foi apoiada polo BNG.

Nun comunicado, o PSdeG asegurou que a proposta, defendida polo portavoz socialista José Ramón Gómez Besteiro, sinalaba que "nos últimos meses e, de forma especialmente cruenta nas últimas semanas, miles de persoas inocentes --entre elas 20.000 nenos e nenas-- foron asasinadas, os seus fogares arrasados e as condicións mínimas de vida destruídas".

O PSdeG sostén que "o Parlamento, como institución representativa do pobo galego, debe expresar a súa solidariedade coa dor que sofren miles de persoas, manifestar o seu rexeitamento a esta violencia indiscriminada e apoiar con firmeza os esforzos da comunidade internacional para conseguir unha paz xusta e duradeira na rexión".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta