Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/09/2025 | Actualizada ás 17:38
O Goberno presentou a súa proposta inicial de planificación eléctrica en Galicia co horizonte de 2030, na que se inclúen reforzos enerxéticos para as áreas da Coruña e As Pontes, un papel destacado para a produción de hidróxeno verde, así como medidas para atender as novas necesidades de descarbonización da industria e o crecemento do ferrocarril. A planificación exclúe ao proxecto da empresa Altri en Palas de Rei, unha decisión que se produce tras a negativa do Executivo central á subestación e á conexión eléctrica que demandaba a compañía.
O secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, reuniuse coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, para revisar a proposta, na que se destacaron máis dun centenar de actuacións en subestacións e redes de transporte e distribución, orientadas a facilitar a integración da xeración renovable, especialmente eólica, e o almacenamento con novo bombeo hidroeléctrico. O documento, tras esta rolda de consultas autonómicas, será sometido a participación pública e avaliación ambiental estratéxica antes de ser presentado ao Congreso dos Deputados para a súa aprobación final.
A Xunta, a través de Lorenzana, expresou satisfacción polas medidas que afectan ás provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense, nas que se reforzan as infraestruturas solicitadas. Non obstante, amosou preocupación pola provincia de Lugo, que queda sen reforzos e sen capacidade eléctrica suficiente para acoller mediana ou grande industria durante a vixencia desta planificación. A conselleira alertou que esta situación deixa á provincia "condenada e sacada do mapa industrial" nos próximos anos.
Ademais, Lorenzana criticou ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, por anunciar previamente a exclusión do proxecto de Altri, acusándoo de actuar con "irresponsabilidade" e de xogar coa expectativa industrial de Lugo. A Xunta comprométese a seguir traballando para garantir oportunidades económicas e industriais para a provincia.
ULLOA VIVA ESIXE Á XUNTA QUE "DENEGUE" TODAS AS AUTORIZACIÓNS A ALTRI
Pola súa banda, despois deste anuncio, a plataforma Ulloa Viva esixiu á Xunta que "denegue dunha vez por todas e para sempre" as autorizacións pendentes que tramita a Administración autonómica para sobre o proxecto de Altri. E cualifican a exclusión enerxéitca de "boa noticia", pero consideran que non supón o golpe definitivo contra o proxecto. "Chegou a hora de que a Xunta e o PP recoñezan que este é un proxecto sen sentido, que os veciños e veciñas que levamos máis dun ano dicindo 'Altri Non' temos razón e que dunha vez por todas as Xunta descarte seguir tramitando este proxecto en contra dos veciños", sostivo a entidade.
A plataforma asegura que a non inclusión destas actuacións na planificación da rede eléctrica "imposibilita a execución e funcionamento operativo do proxecto". "Dixémosllo nas rúas, déronnos a razón os expertos de todas as áreas, levamos os nosos argumentos a todos os parlamentos, e agora de novo o Goberno do Estado ratifica que o proxecto da macrocelulosa non ten encaixe socioeconómico nin ambiental algún no noso territorio", indicou.
Para a entidade, a realidade "non fai máis que demostrar que o proxecto de Altri-Greenalia carece de todo sentido común desde o seu nacemento", un proxecto "guiado polos beneficios económicos privados de catro, e de costas á realidade socioeconómica da contorna na que se quere implantar". Ademais, a plataforma sinalou a "mobilización social maioritaria" contra o proxecto como artífice de que as administracións "por fin" lle empecen a "dar a razón". Así as cousas e tras a "nova negativa do Goberno do Estado a achegar fondos públicos que a Xunta e Altri demandan", Ulloa Viva considera que "por responsabilidade" o Executivo galego e a propia empresa deben "desistir da imposición deste proxecto" antes de obrigar a seguir loitando e a exercer, no seu caso, "as accións xudiciais oportunas".
Por último, en referecia ás declaracións da conselleria de Economía, María Jesús Lorenzana, que asegurou que o Goberno deixa á provincia fóra do mapa industrial e trasladou que a Xunta seguirá "loitando para que Lugo poida ter futuro económico", a plataforma trasladoulle que "non se pode loitar polo futuro económico e industrial" da provincia "de costas" aos veciños. "Efectivamente queremos industria, pero que de valor ao que xa temos e non un modelo imposto que rompa o modelo socioeconómico actual que creamos entre todas", afirmou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.