Por Europa Press / Redacción | VIGO | 23/09/2025 | Actualizada ás 14:34
A Comisión Permanente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), na que están representadas 56 asociacións e que se reuniu nas últimas horas no Grove, reclamou ao Goberno central que rescate a autoestrada AP-9, "que vén lastrando a competitividade empresarial nos últimos anos e discrimina a Galicia con respecto a outros territorios". O organismo empresarial lembrou que a autoestrada vertebra o eixo atlántico do noroeste peninsular, "a máis utilizada e transitada" de toda Galicia, e que "bate marcas de prórrogas sucesivas", sendo a única alternativa para o transporte de mercadorías.
Os empresarios estiman que o rescate pode custar uns 2.300 millóns de euros, como recolle o informe da Xunta, e advertiron de que manter as peaxes "desorbitadas" supón encarecer os bens e servizos que se comercializan en Galicia. O presidente da patronal, Jorge Cebreiros, esas peaxes son "un imposto ilegal e abusivo que debe ser eliminado de inmediato e que xa tiña que desaparecer hai tempo, con prorrogas difíciles de xustificar que suman 36 anos". Ao problema económico, incidiu, súmase un problema de fluidez de tráfico, redución de tempos e seguridade viaria. Segundo a CEP, o rescate "desconxestionaría o tráfico da A-55 entre O Porriño e Tui, ademais doutras vías máis secundarias".
Por todo iso, a Confederación de Empresarios de Pontevedra acordou solicitar unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, e co ministro de transportes, Óscar Puente, para trasladarlles a súa reivindicación e para intercambiar impresións "sobre a planificación do resto das infraestruturas necesarias para a Comunidade, como o Corredor Noroeste e o saída Sur do AVE". A CEP fai "corresponsables" desta situación a todos os gobernos que participaron nas prórrogas da concesión e agora espera que o actual Executivo, co expediente aberto na UE, "non deixe pasar a oportunidade do rescate" para apostar polo desenvolvemento económico de Galicia, porque "canto máis se espere, máis caro será".
ELIMINACIÓN DA FEMPA
Por outra banda, a Comisión Permanente tamén abordou na súa reunión a proposta da Comisión Europea para o próximo Marco Financeiro Plurianual, que contempla a eliminación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) como instrumento independente. A patronal de Pontevedra pide que se manteñan fondos específicos para pesca, e que non queden diluídos noutros fondos xeneralistas. O representante dos armadores de Vigo, Edelmiro Ulloa lamentou que os recursos europeos destinados especificamente á pesca sufrirán unha "drástica redución" de 6.100 a apenas 2.000 millóns de euros para o próximo marco financeiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.