Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2025 | Actualizada ás 19:44
O eurodeputado do PPdeG Francisco Millán Mon e a europarlamentaria do BNG Ana Miranda expresaron este martes na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo o rexeitamento de Galicia ao recorte de fondos pesqueiros. Por unha banda, segundo informou o PP nun comunicado, na Comisión e en presenza do comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, Millán Mon expresou a súa decepción coa proposta do novo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034.
Millán Mon iniciou a súa intervención asegurando que, se a visita do comisario a Vigo se produciu despois da presentación do marco financeiro, a recepción sería outra. Tras iso, cualificou a proposta de "decepcionante" e "carente de todo sentido político e económico". O eurodeputado do PP, que lembrou que a Cámara galega aprobou de forma unánime o rexeitamento a esta proposta, subliñou que a Xunta de Galicia tamén mostrou o seu rexeitamento en numerosas ocasións a este recorte.
En concreto, criticou a dilución do fondo de pesca nunha macro-fondo, anulando ademais a súa visibilidade. Ademais, aludiu ao momento difícil que pasa o sector pesqueiro, coas obrigacións impostas pola normativa europea, así como os retos como a descarbonización, a substitución xeracional, o descenso do consumo de peixe e os custos crecentes. "E vostedes reducen o financiamento de 6 mil millóns a 2 mil millóns!", censurou Millán Mon, que dixo que o recorte proposto para os fondos de pesca é moi superior ao doutras áreas como a agricultura e a cohesión. "Pídolles que retiren a proposta", trasladou.
Ademais, expresou a súa preocupación pola renacionalización do orzamento europeo: "esa política pesqueira común, vai deixar de selo", pola ampla liberdade que se dá aos Estados Membros. "E preocúpame que ignoren ás rexións seguindo o modelo dos Next Generation", manifestou. Tamén advertiu do risco de acabar cunhas "comunidades pesqueiras no paro" e "desencantadas co proceso de integración europea". Finalmente, referiuse ao veto á pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico nororiental. "Quiten o palangre da prohibición. Poñan xa en marcha a proposta lexislativa para reformar o Regulamento de 2016", pediu ao comisario Kadis.
ANA MIRANDA: "A POLÍTICA EUROPEA DE PESCA ARRUÍNA Ao SECTOR GALEGO"
Pola súa banda, a eurodeputada do BNG, Ana Mirnada, alertou das consecuencias que ten para Galicia a política europea de pesca e criticou o "forte recorte" do Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura (FEMPA). A dirixente nacionalista sinalou que a proposta cifra nun 67 % a redución, ao pasar de 6.108 millóns de euros para o período 2021-2027 aos 2.000 millóns no período 2021-2028, polo que a cualificou como "unha verdadeira tomadura de pelo".
Neste sentido, alertou de que se con algo máis de 6.000 millóns desmanteláronse 2.200 barcos nos últimos 20 anos, cun orzamento de 2.000 millóns para o próximo período a consecuencia poden ser "catastróficas". Por iso, pediu que a proposta sexa retirada. "Isto é o que lle pedimos desde unha nación pesqueira e desde o BNG", indicou na súa intervención, na que dixo "alto e claro" que "as medidas impulsadas pola Unión Europea desde que Galicia forma parte da UE resúmense en seis palabras: redución de cotas, vetos, desmantelamento, despezamentos, reconversión forzada e ruína".
Ana Miranda, ademais, sostivo que Galicia ten a frota "máis antiga de Europa", cunha media de "38 anos de media de antigüidade". "Se pretenden que renovemos a frota, e non pretenden que se constrúan máis barcos, temos un problema", manifestou á vez que criticou que o comisario fale de "medidas de compensación". "O que quere a xente mariñeira é pescar, é faenar, é mariscar. Non queren medidas de compensación, non queren limitacións nin queren vetos", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.