Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2025 | Actualizada ás 10:36
O Parlamento de Galicia gardou un minuto de silencio en memoria das vítimas do xenocidio cometido por Israel contra o pobo palestino. Ao comezo do pleno do Parlamento deste mércores, o presidente da Cámara, Miguel Santalices, anunciou que había acordo de todos os grupos para realizar un minuto de silencio a petición do PSdeG. Todos os deputados puxéronse de pé e terminaron o minuto cun aplauso. A declaración chega logo da polémica suscitado este martes cando fracasaron as conversas entre os distintos grupos.
O texto do PSdeG enviado á Mesa do Parlamento polo que se garda o minuto de silencio condena "o masacre que está a sufrir o pobo palestino" e solicita esta petición "polas vítimas inocentes do xenocidio na Franxa de Gaza e Cisxordania". Igualmente, o escrito denuncia o asasinato de 20.000 nenos e nenas, ademais de fogares arrasados e "as condicións mínimas de vida destruídas". Tamén sinala a "profunda inxustiza" e a "reiterada vulneración de dereitos humanos básicos", á vez que pide unha "paz xusta e duradeira na rexión".
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a "repulsa ao que está a pasar en Gaza", aínda que afeou ao líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, que "dixo que non" á proposta dos populares de que ese minuto de silencio tamén fose "polas vítimas de Hamás". "Non hai vítimas de primeira ou de segunda", aseverou.
Respecto diso, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, agradeceu o apoio da Cámara a esta proposta socialista. "Non podemos calar, non podemos permanecer neutrais", afirmou. Ademais, reprochou a Rueda que non pronunciase a palabra xenocidio na súa intervención.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.