“Non ten auga, nin electricidade, nin lexitimidade”: Ulloa Viva carga contra Altri

O colectivo considera unha “oportunidade perdida” que a exclusión da rede eléctrica non supoña o abandono definitivo da macrocelulosa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2025 | Actualizada ás 16:04

Comparte esta noticia

A portavoz da plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, replica a Altri que "non lle pareceu tan mal a decisión puramente política (da Xunta) de declarar o seu proxecto como proxecto industrial estratéxico en 2022 sen ningún estudo técnico".

A través dun comunicado de prensa, responde así á empresa e engade que "non ten electricidade, nin auga, nin lexitimidade social". Considera "unha oportunidade perdida" a exclusión da planificación da rede eléctrica "para desistir dunha vez por todas" do proxecto.

Pola súa banda, a compañía este xoves interpretaba que a mencionada exclusión eléctrica responde a unha decisión "política". Respecto diso, Ulloa Viva lamenta "profundamente" o anuncio de que estuda presentar alegacións.

"Xa está ben de seguir tomándonos por parvos e analfabetos facendo un uso perverso da linguaxe", censura a plataforma. E lembra a Altri "que agora se define como energéticamente neutra e descarbonizadora" pero "foi o seu propio CEO quen dixo aos medios en xuño de 2023 que a macrocelulosa en Palasd e Rei emitirá á atmosfera 0,1 toneladas de dióxido de carbono por cada tonelada de produto que saque ao mercado".

"O COLMO DO DESCARO"

"Nin a pedimos nin a necesitamos", subliña Ulloa Viva, que cualifica como "o colmo do descaro" que Altri "diga que a súa exclusión deixaría fóra do mapa do desenvolvemento económico e industrial a toda a provincia de Lugo os próximos anos". "O noso futuro decidímolo nós, os veciños e veciñas, e xa tomamos unha decisión, queremos unha industria que dea valor ao que xa temos e non unha que arrase cos nosos recursos, que nos enferme e termine coa nosa calidade de vida para que dúas empresas teñan máis diñeiro", remarca.

Tamén ve "o colmo da incoherencia" que "se queixe agora de quedar sen a subestación eléctrica que demandaba polo que considera unha decisión política e non técnica". Por último, Ulloa Viva reitera que estará "vixiante" e "preparada para seguir loitando en todas as vías posibles e con todos os recursos nas súas mans contra un proxecto que atenta contra o territorio".

Plataforma Ulloa Viva, en contra de Altri. ULLOA VIVA
Plataforma Ulloa Viva, en contra de Altri. ULLOA VIVA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta