A Xunta reclama ao Goberno central máis prazas de secretarios, interventores e tesoureiros municipais

Diego Calvo lembra no centenario do colexio da Coruña que a falta destes profesionais causa problemas en máis do 60% dos concellos galegos, a maioría con menos de 5.000 habitantes

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2025 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou este sábado o apoio da Xunta ás demandas dos secretarios, interventores e tesoureiros da Administración local, durante o acto polo centenario do Colexio provincial da Coruña.

Pleno extraordinario no mes de agosto da Deputación de Ourense
Pleno extraordinario no mes de agosto da Deputación de Ourense | Fonte: Alberte Paz

Calvo subliñou que Galicia foi pioneira ao crear en 2016 unha bolsa autonómica de interinos para cubrir prazas de carácter nacional de maneira inmediata. Desde entón, segundo detallou, realizáronse preto de 400 chamamentos que permitiron cubrir arredor de 200 postos vacantes.

"Como vimos facendo desde hai anos, seguimos compartindo a vosa reclamación ao Goberno central para que se garanta a cobertura de todas as prazas vacantes, coa súa incorporación ás ofertas de emprego público", sinalou o conselleiro.

CARENCIA EN PEQUENOS CONCELLOS

Calvo advertiu de que a ausencia destes profesionais provoca "grandes disfuncións", sobre todo nos municipios de menos de 5.000 habitantes, que representan máis do 60% dos concellos galegos.

Na actualidade, existen 53 entidades locais en Galicia onde as prazas reservadas de secretaría-intervención continúan sen titular, situación que, segundo a Xunta, fai necesario un maior compromiso do Estado para garantir o correcto funcionamento das administracións locais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta