Por E.P. | Compostela | 30/09/2025 | Actualizada ás 20:32
Cruzamento de reproches entre sindicatos e Consellería de Sanidade pola Mesa Sectorial que tivo lugar este martes. As organizacións sindicais afearon a "actitude de bloqueo" da Xunta, "enchendo a mesa de contido baleiro". O departamento sanitario, pola súa banda, criticou que abandonasen a reunión sen abordar os asuntos técnicos, importantes, que tocaban.
Así, CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UXT denunciaron que o Sergas continúe "enchendo a mesa de contido baleiro e exclusivamente administrativo, sen abordar nin un só dos problemas reais que afectan o persoal do sistema sanitario público galego". "Nun momento clave, coa preparación dos orzamentos da Xunta, o Sergas négase a negociar o plan de ordenación de atención primaria e hospitalaria, o que fai prever que tampouco se incluirá a necesaria dotación orzamentaria para garantiar cadros de persoal apropiados ás necesidades asistenciais", destacan.
Lembran ademais que, a estas alturas do ano, o persoal de atención primaria segue sen coñecer os seus calendarios laborais para 2026, nin hai data para a súa negociación. "O propio Sergas incumpriu o calendario de traballo comprometido no principio do ano, do que apenas executou un 20%", apuntan.
A esta situación engádenlle que o Sergas paralizou os cómputos de xornada en todas as xerencias "por non ser capaces de interpretar o acordo de xornada vixente". "Esta decisión está a provocar que o persoal, tanto de atención primaria como hospitalaria, acumule unha débeda de xornada e vese obrigado a recorrer aos tribunais para defender os seus dereitos", lamentan. Advirten de que, de non producirse un cambio "inmediato" na actitude da administración, non descartan a adopción de medidas de presión, "dado que a situación actual é insustentable".
ASUNTOS TÉCNICOS SEN ABORDAR PARA O SERGAS
Pola súa banda, o Sergas lamentou "profundamente" que as organizacións sindicais decidisen abandonar a mesa, "a pesar de que se lles informou detalladamente de que a reunión abordaría asuntos técnicos e administrativos "necesarios tras o parón estival, incluíndo os criterios de incorporación e cesamento de persoal".
Tamén a presentación dun novo decreto para a súa valoración posterior. Explican que será na mesa de mediados de outubro cando se prevé que se aborden as grandes negociacións (como a xornada laboral). Para o Sergas, a actitude das organizacións sindicais supón "non só un rexeitamento ao diálogo, senón tamén a non escoitar a presentación de temas relevantes de xestión do persoal, cuxa tramitación resulta imprescindible para o normal funcionamento do sistema".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.