Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 01/10/2025 | Actualizada ás 11:38
O prezo das vivendas de aluguer en Galicia subiu un 7,6 % no terceiro trimestre en comparación co mesmo período de 2024, ata alcanzar os 9,3 euros por metro cadrado, segundo o último informe publicado por Idealista. Non entanto, en comparativa co tres meses anteriores, ese prezo reduciuse un 3,1% na comunidade galega.
Os prezos soben en todas as provincias galegas con Ourense á cabeza, onde os prezos creceron un 13,7 % no último ano. Séguenlle Lugo (8,5 %), A Coruña (8 %) e Pontevedra (7,2 %). Lugo (7,2 euros/m2) e Ourense (7,6 euros/m2) son as provincias máis baratas de Galicia. A máis cara, pola contra, é Pontevedra (10,3 euros/m2), seguida pola Coruña, con 9,4 euros/m2.
DATOS ESTATAIS
O prezo do aluguer de vivendas en España incrementouse un 10,9 % durante os últimos 12 meses ao peche do terceiro trimestre, mentres que en taxa trimestral o prezo caeu un 1,3 %, segundo un informe publicado por Idealista. A peche do mes de setembro de 2025, os datos do portal inmobiliario indican que arrendar unha vivenda en España tiña un custo de 14,5 euros por metro cadrado.
O portavoz de Idealista, Francisco Iñareta, asegurou que o aluguer segue tensionándose "sen medida" cun stock que permanece plano e unha demanda que non deixa de crecer. "A competencia entre os inquilinos fai que os propietarios se decanten sempre por aqueles con empregos estables, perfís de baixo risco, solventes e con ingresos mensuais recorrentes que cobren sobradamente a renda", indicou.
Todos estes factores provocan que, pola súa escasa capacidade financeira, sexan os mozos con menos recursos e os colectivos máis vulnerables os primeiros en ser descartados, polo que, segundo Iñareta, "só con políticas que favorezan o crecemento da oferta" poderase favorecer o acceso á vivenda, e non "criminalizando" aos propietarios.
Todas as capitais presentan, de acordo con idealista, prezos do aluguer máis elevados que en setembro de 2024, sendo Segovia a capital na que máis creceu o aluguer nun ano (19,9 %), seguida de Madrid (11,2 %), Sevilla (9,8 %), Valencia (7,8 %), Alacante (7,5 %), Bilbao (7 %) e Barcelona (6,9 %). Pola súa banda, as menores subidas entre estes mercados producíronse en Huesca (0,2 %), San Sebastián (0,4 %), Málaga (6,1%) e Palma (6,2 %).
Actualmente, Barcelona é a capital máis cara para alugar unha vivenda, con 24 euros por metro cadrado, seguida por Madrid (22,7 euros), Palma (18,4 euros), San Sebastián (18,2 euros) e Málaga e Valencia (15,4 euros por metro cadrado en ambas as capitais); mentres que na parte baixa da táboa figuran Cidade Real e Lugo (7,7 euros en ambos os casos), Zamora e Cáceres (7,9 euros) e Ourense e Xaén (8 euros nos dous casos). Este trimestre rexistráronse prezos máximos en 18 das 51 capitais españolas analizadas, entre elas Barcelona, Madrid, Palma, Alacante e Sevilla.
En canto ás provincias, todas (fóra de Cáceres, onde se reduciu un 2,4 % e Soria, un 2 %) rexistran prezos do aluguer máis elevados que hai un ano, rexistrándose o maior incremento tamén en Segovia, onde os prezos ascenderon un 18,7 %, por diante de Zamora (17,7 %), Guadalaxara (15,4 %), Ourense (13,7 %) e Palencia (13,7 %), Madrid (12,2 %) e Barcelona (8,4 %).
O ranking das provincias máis caras está encabezado pola Comunidade de Madrid (20,9 euros por metro cadrado ao mes), Barcelona (20,8 euros), Baleares (19,2 euros) e Guipúzcoa (16,9 euros), sendo Xaén a provincia máis económica para alugar unha vivenda, con 6,5 euros por metro cadrado, seguida por Cidade Real (6,9 euros), Lugo (7,2 euros) e Badaxoz (7,2 euros).
O prezo incrementouse en todas as comunidades durante os últimos 12 meses, especialmente en Castela-A Mancha (cun incremento do 13,3 %), Comunidade de Madrid (12,2 %), Andalucía (12,1 %), A Rioxa (10 %), Comunitat Valenciana (9,8 %), Cataluña (9,7 %) e Castela e León (8,9 %). Estremadura rexistrou a menor subida, cun 2,7 %.
Madrid é, segundo o informe de idealista, a comunidade cos alugueres máis caros, xa que alcanza os 20,9 euros por metro cadrado, seguida por Baleares (19,2 euros), Cataluña (19,1 euros) e Canarias (15 euros), fronte a aquelas onde é máis económico como Estremadura (7,3 euros), Castela-A Mancha (8 euros), Castela e León e a Rexión de Murcia (8,9 euros por metro cadrado en ambas as rexións).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.