As mareas lanzan o partido instrumental e piden a Podemos que non abandone

As primarias da Marea Constituínte deberán resolverse en menos de 20 días e poderán concorrer listas de consenso, aínda que o candidato segue no aire e non estará ligado a estas, segundo o aprobado na reunión deste sábado en Vigo. Os tres alcaldes das mareas e Beiras lanzan mensaxes a Podemos para que non vaia en solitario.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 30/07/2016 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O proceso constituínte xa está en marcha. As mareas xa teñen un partido instrumental, cuxo nome será escollido finalmente a proposta da xunta xestora, pero polo momento sen candidato e pode que sen Podemos Galicia. Os alcaldes das mareas —Xulio Ferreiro (A Coruña), Jorge Suárez (Ferrol) e Martiño Noriega (Santiago de Compostela)— arrancaron este sábado a asemblea constituínte con vontade de facer valer o que lles "une", en palabras do rexedor coruñés, e poñer "punto e final" ao goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Xulio Ferreiro, Jorge Suárez e Martiño Noriega, na asemblea da Marea Constituínte en Vigo
Xulio Ferreiro, Jorge Suárez e Martiño Noriega, na asemblea da Marea Constituínte en Vigo | Fonte: Marea Atlántica.

A creación dun "suxeito político", como así definiron os alcaldes o partido instrumental, e a definición dun calendario de primarias e unha metodoloxía son as cuestións máis relevantes que se debateron ao longo da xornada no Auditorio Mar de Vigo, que dende primeira hora da mañá recibiu a parte dos asinantes do manifesto, máis de 2.500.

O documento para a elección de candidatos das mareas, aprobado polo plenario da Marea Constituínte, supón que as primarias se resolverán nun tempo menor a 20 días, aínda que falta por concretar o día que se iniciará o proceso. Ademais, a fórmula que contou con luz verde da asemblea permite presentar listas de consenso, pero o candidato non estará ligado a elas, senón que deberá facelo de forma individual.

A elección da persoa candidata á Presidencia da Xunta farase por censo da marea a nivel galego, mentres que o resto dos candidatos elixiranse en función de cada unha das circunscricións galegas, coas persoas inscritas correspondentes a cada provincia. Poden participar persoas a partir de 16 anos de idade e residentes en Galicia.

Neste sentido, a aposta dos tres alcaldes é a dun candidato de consenso: colaboración e non competición, como explicou Jorge Suárez. Iso si, non aclararon quen debería ser e, preguntados polo maxistrado Luis Villares, responderon que pode ser ese nome ou outro.

Vista xeral do auditorio na celebración da Marea Constituínte en Vigo
Vista xeral do auditorio na celebración da Marea Constituínte en Vigo | Fonte: Marea Atlántica.

"Imos constituír un suxeito político transformador, inclusivo, que sexa capaz de disputar a Feijóo" a maioría, proclamou Martiño Noriega, quen asegurou que será "un punto de inicio do suxeito político que devolverá a esperanza" a este país.

Jorge Suárez, pola súa banda, asegurou que a deste sábado é unha "xornada histórica" e se abre "unha ventá de esperanza" que dará "participación a todos" e que será "o punto de partida para empoderar ao pobo".

Pola súa parte, Xulio Ferreiro, que recordou o "desánimo" que había hai un mes (tras as eleccións de xuño) e quen reivindicou que os tres alcaldes decidiron poñer as "súas cabezas" neste proceso para lograr a constitución deste "suxeito político". "Hoxe imos construír esa unidade e ese suxeito político que vai devolver a ilusión á xente. Hoxe empeza o punto final da carreira política de Núñez Feijóo", resaltou.

MENSAXES A PODEMOS

É máis que obvio que nas mareas hai temor a que Podemos decida seguir o seu propio camiño, o cal se pensa que restaría votos á confluencia. Por iso, tanto os tres alcaldes das mareas como o voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, lanzaron varias mensaxes aos seguidores de Pablo Iglesias para que non abandonen o barco das mareas.

Así, Beiras advertiu a Podemos de que "se seguen con reivindicacións partidistas rompe a unidade", pero confiou en que "non o fagan" e se sumen á unidade de En Marea para as eleccións autonómicas deste outono.

O veterano nacionalista, que non é a primeira vez que apela á xenerosidade da súa organización, aínda que tamén noutras ocasións advertiu de que ten "límites", apelou a que Anova tivo unha "enorme flexibilidade" nas "alianzas" para as eleccións ás Cortes, tanto en decembro coma na repetición de xuño.

Beiras manifestou que o lóxico é que Podemos responda coa "recíproca" na convocatoria electoral autonómica. "Se non se entra en En Marea e seguen as reivindicacións partidistas, rompe a unidade. Confío en que non o fagan", sentenciou.

Os alcaldes das mareas tamén expresaron que esperan que Podemos participe na marea para as autonómicas, pero din respectar o seu propio proceso interno, pendente agora de resolverse a pregunta de se concorrer en solitario coa súa marca propia ou en alianza.

"Non nos cabe ningunha dúbida de que Podemos vai estar neste proceso", asegurou o alcalde da Coruña, quen lembrou que "hai xente de Podemos que está aquí". Entre outros, están os dous deputados de En Marea, Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez. "Creo que a xente que se incorporou desde a súa fundación (a Podemos) non está para defender unha siglas e unha cor, senón está para propiciar un cambio político e propíciase ampliando a base social, a comunidade e remando todos xuntos", expuxo.

Pola súa banda, o coordinador nacional de Anova, Antón Sánchez, defendeu a constitución dun partido instrumental. "O que saia hoxe, e todas as organizacións políticas hoxe en día teñen que ser flexibles, pero a vocación é que sexa unha organización de adscrición individual para darlle participación a toda a cidadanía que non está en organizacións políticas e quere participar e que veñen demandando canles de participación", resaltou.

Preguntado por se hai algún temor de que Podemos concorra en solitario, Sánchez dixo que "hai sempre ese risco" e que "dende o momento no que hai unha consulta de Podemos que establece esa opción", polo que hai que respectar o que decidan". "Agora ben, o desexo é que non rompa o camiño da unidade popular porque cremos que é o idóneo para este país", resaltou.

PARTICIPANTES

Numerosas caras coñecidas déronse cita na asemblea. Ademais dos alcaldes e de membros vinculados a mareas de todas as cidades, tamén dende primeira hora estiveron deputados de En Marea, como Miguel Anxo Fernán Vello e Yolanda Díaz; a senadora Vanessa Angustia, e deputados autonómicos como Eva Solla ou Antón Sánchez.

Aínda que a participación da secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, decidiuse na asemblea da formación morada deste venres, varios membros desta organización política participaron activamente nas asembleas de Mareas en Común, un dos espazos políticos que é promotor desta outra asemblea constituínte, que aglutina o espazo cidadán e os partidos políticos.

Así, unha desas caras é a do tamén deputado de En Marea Antón Gómez-Reino, quen dende primeira hora se sumou tamén á asemblea constituínte das mareas. Pola súa banda, tamén sobre as 11,00 horas chegou o voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, que na súa entrada no plenario (cando interviña Ferreiro) foi aplaudido polo auditorio.

Tamén caras do nacionalismo participan nesta asemblea, non só de Anova, senón doutros sectores que se afastaron do BNG dende a asemblea de Amio de 2012 e da de febreiro deste ano, como Adrián Dios e Carlos Aymerich. Así mesmo, o exsenador do Bloque Xosé Manuel Pérez Bouza (que tamén foi membro de Compromiso por Galicia) ou a que fose deputada autonómica pola formación nacionalista Ana Luisa Bouza, xunto coa deputada do Grupo Mixto Chelo Martínez (de Cerna, grupo que se escindiu de Anova) déronse cita nesta asemblea constituínte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

4 Antolín o dos cubatas

Cheliño: Por moito que enredes non vas voltar ser deputada e tampouco hai sitio de liberada da CIG para ti. Vas ter que traballar ¡¡¡¡¡

3 Carlossss

As veces leer algúns comentarios e cabrearse. Non ven a conto de nada falar da Marea de Vigo, pero non podo non responder a un comentario que doe moito, insultado o portavoz da mesma que como os demáis o está dando todo contra o alcalde e as suas políticas de dereitas e privatizadoras. E o único argumento e que é sindicalista. Por favor, un respeto aos que loitan, moitos deles na marea local. En canto asemblea, moitas discusions e ruido e moita xente tamén a verdade. Máis da esperada, pois apenas tiña 2500 firmas o manifesto.

2 Gamela

Saben as Mareas Municipalistas a quen lle están a pagar os cartos do aluguer do Auditorio Mar de Vigo? Non organizaba o acto Rubén Pérez (portavoz do grupo municipal da Marea de Vigo) un auténtico COLABORACIONISTA coas privatizacións do Alcalde de Vigo? Xa se sabe que estando na nómina de Abel cambiamos de criterio!!! http://www.noticiasvigo.es/el-mar-d...

1 Podemos solos

2.500 asistentes é moi xeneroso pola vosa parte. Non chega a 1.000 hoxe en Vigo. Onte na asamblea de Podemos éramos unhas 500

1 Trollicia Confidencial

Penso que di que o manifesto firmárono 2500 persoas. Ainda que escrito así leva a engano...