Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 27/08/2016 | Actualizada ás 14:29
O presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, afirmou hoxe en Cotobade que "a formación dun Goberno en España é aínda hoxe máis un desexo que un feito", e esixiu máis responsabilidade ao PSOE para desbloquear a situación. Tamén criticou aos partidos que pretenden ser a alternativa ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo en Galiicia, aos que acusa de estar sumidos en "tremendas loitas de poder".
Rajoy fixo estas declaracións durante a clausura do acto de apertura do curso político, que tivo lugar na localidade pontevedresa de Cotobade, na Carballeira de San Xusto, e no que acompañou ao presidente do PPdeG e candidato á reelección como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas eleccións galegas do próximo 25 de setembro.
O presidente do Partido Popuiar destacou durante a súa intervención que Ciudadanos e Coalición Canaria "fixeron un esforzo" para alcanzar un acordo de investidura que permita formar un Executivo e mostrou a súa esperanza en que se poida "pechar pronto un acordo con ambas as dúas forzas políticas".
Non obstante, recordou que aínda que o PP consiga un acordo con Ciudadanos e CC, a suma son 170 deputados e non sería suficiente para formar Goberno. "Témome que hoxe é aínda moito máis un desexo que un feito", recoñeceu hoxe Rajoy, cando se cumpre o ultimato dado por Ciudadanos o pasado xoves aos populares para pechar o acordo de investidura.
Por iso advertiu que se o PSOE vota 'non' á súa investidura como presidente do Goberno "estaremos na mesma situación que decembro e iso xa sería moi perigoso para o noso país".
"As cousas van ben, pero poden empezar a deixar de ir ben e xa son moitos os avisos que empezamos a recibir dentro e fóra de España de que non se pode prolongar esta situación no tempo", xa que "sería tremendo que, tras os esforzos dos españois, a irresponsabilidade dalgúns nos volvese a unha situación de crise", subliñou.
Neste sentido, insistiu en que sería "moi negativa" a repetición duns comicios e continuar cun Goberno en funcións ao ser ademais unha "anomalía".
ESIXE RESPONSABILIDADE AO PSOE
Tras máis de oito meses (252 días) sen Goberno con plenas funcións, Rajoy considera que "é momento de apelar á responsabilidade do PSOE, un partido que gobernou moitas veces, que o combatemos porque cremos que as nosas receitas son mellores, pero que sen dúbida fixo achegas ao progreso do noso país".
"Non pode actuar con irresponsabilidade porque se está a xogar os intereses, a economía e a vida de millóns de cidadáns que non son os culpables desta situación," insistiu o presidente en funcións, quen afirmou que dende o PP farán "todos os esforzos programáticos dentro dos límites que marca a Constitución, a lóxica e a razón para intentar saír desta situación.
"É unha enorme irresponsabilidade que aqueles que teñen 52 escanos menos e 2,5 millóns de votos menos que os que gañaron as eleccións volvesen bloquear a constitución de Goberno en España, espero que non sexa así", remarcou.
ELECCIÓNS GALEGAS
Rajoy fixo estas declaracións na clausura do tradicional acto de inicio do curso político, celebrado este ano no municipio pontevedrés de Cotobade, tras a negativa da Deputación, presidida pola socialista Carmela Silva, a ceder o Castelo de Soutomaior. Durante a súa intervención, eloxiou a xestión de Feijóo, do que destacou que "lle avalan os resultados" e gobernou "con responsabilidade e sen demagoxia".
O presidente do Goberno en funcións subliñou que, coa xestión de Feijóo, Galicia hoxe é "estable, moderada e dinámica", e resaltou que a comunidade galega "vai a máis e nin o máis acérrimo adversario ao PP pode negar a evidencia". "Os datos e os feitos non son discutibles", apostilou.
Por iso, pediu aos galegos que avalen a Feijóo, xa que a alternativa sería unha "cuatripartito inestable, radical e extremista", con partidos sumidos en "tremendas loitas de poder".
"Hai dous modelos, un moi bo, que é o de Alberto Núñez Feijóo; e un moi malo (...) que xa coñecemos no bipartito, pero en versión mellorada, inestable, radical e extremista", advertiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.