Luís Villares: “É un orgullo inmenso compartir espazo cun referente ético, político e ideolóxico como Beiras”

O candidato de En Marea destaca que, a pesar do proceso convulso que pasou esta formación, agora está todo “engraxado” e, por iso, está convencido de vai vencer a Feijóo. Suliña nesta entrevista que non é un “político profesional” e que se meteu en política, precisamente, para poder cambiar “leis inxustas”. Anuncia cambios na política de axuda aos medios se chega á Xunta, “non se poden condicionar aos favores editoriais ou que un teña mellor ou peor trato”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 22/09/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Que fai un maxistrado do TSXG nun lugar coma este?
Pois botar unha man e participar nun proxecto colectivo como é En Marea polo meu compromiso coa xustiza social e a decidida loita contra a corrupción. Había inxustizas que vivía desde o meu posto de traballo porque hai leis inxustas e un xuíz ten que apandar con elas. E para solucionar iso hai que ir á política.

Luis Villares na súa presentación como candidato ás primarias de En Marea
Luis Villares na súa presentación como candidato ás primarias de En Marea | Fonte: EP

Como encaras esta última parte da campaña?
Pois con moita ilusión porque a xente responde moi ben e Feijóo está moi nervioso. O tema da corrupción desencaixouno completamente. Por iso nós explicamos quen é o PPdeG e quen somos nós. Dúas formas de facer política antagónica. A ética contra a miseria.

Hai xa cansanzo acumulado ou é levadeira a campaña?
Que va. Hai moita enerxía. Hai moito Villares de aquí ata final de campaña. Un Villares, ademais, moi enérxico.

Para unha persoa novata coma ti nisto da política, que é o máis difícil desta campaña?
Ao principio custoume moito o de adaptarme. Non falar coma xuíz, senón facer mensaxes accesibles a todo o mundo. E logo o primeiro mitin e o primeiro debate televiso. O non ser político profesional é o que ten.

Víaseche un pouco nervioso ao comezo nese debate?
Si, porque era a falta de práctica. Tiña moi claras as miñas ideas e a crítica a Feijóo. Pero o formato era o que era e era moi mellorable. E todos puideron ver como desataron as regras do debate.

Xosé Manuel Beiras arroupa a Luis Villares na súa presentación como candidato de En Marea
Xosé Manuel Beiras arroupa a Luis Villares na súa presentación como candidato de En Marea | Fonte: EP

E cres que chegou a mensaxe?
Penso que si porque En Marea é coherente coa mensaxe que ten trasladada á cidadanía, de dignidade e xustiza social. E isto temos que levalo tamén á Xunta. Non gobernar contra as maiorías socias.

E hai boa sintonía entre todos os candidatos?
Si. Por suposto. E hai un equipo que xoga moi cohesionado. Temos un gran partido e cun gran futuro de goberno.

Dígoo porque vides dun proceso un pouco convulso. Están xa pechadas as feridas?
Vimos dun proceso de confluencia que é un proceso de encontro que sempre é positivo. Acordamos os principios políticos arredor dun proxecto nacional para Galicia comprometido coa democracia e a xustiza social. E ese é o empaste que nos fai estar a todos unidos e ofrecer unha alternativa unida. A xente demanda isto e nós dámoslle a ferramenta.

Falas dun proxecto nacional para Galicia pero veñan os líderes de Podemos de Madrid, como se interpreta?
A Marea é unha sintaxe de correntes nacionalistas, republicanistas e plurinacionais. Todos temos o punto común de recoñecernos como nación para realizar uns valores e uns proxectos comúns. Polo tanto, convivir para impulsar a xustiza social. E niso estamos todos. Polo tanto todo o mundo está remando para conseguir para este obxectivo para o noso país.

Incluído tamén Pablo Iglesias?
Incluído todo o mundo que forma parte do espazo de confluencia. Pablo Iglesisias acompañoume a Vigo e A Coruña porque son forzas que comparten un desexo de xustiza social e de cambio e temos moitos motivos para traballar xuntos.

E supoño que tamén Xosé Manuel Beiras. Que tal ti con el que xa deches varios mítines xuntos?
É un orgullo inmenso compartir espazo con quen é un referente ético, político e ideolóxico. El foi o primeiro que nos falou da confluencia e de reorganizar o espazo político en Galicia. Se hoxe temos En Marea é grazas a el. El viu unha cousa e é que se a sociedade galega estaba unida, reclamando uns dereitos sociais, nacionais e colectivos, como non iamos construír unha ferramenta política?. Por iso compartir espazos co Beiras é un inmenso pracer.

Deuche algún consello?
Deume moitos consellos pero un moi valioso. Díxome: “Luis, se vas liderar a confluencia tes que ter presente unha cousa, que confluír, é renunciar. Agora non es ti só, senón que reprentas a un conxunto amplo desta confluencia”. Por iso houbo que renunciar para ter este gran proxecto de xustiza social.

E cales son os obxectivos da túa campaña?
Pois representar o antagonismo con Feijóo.

E cres que o estás conseguindo?
Absolutamente. O PP tivo unha estratexia de invisibilización da Marea ata que lle fixo augas e agora entrou a saco porque sabe que lle imos gañar as eleccións. Por iso queremos trasladar que somos a ética e a dignidade fronte a un PP que representa recortes e corrupción. E a xente terá que escoller entre estas dúas alternativas.

Cres que o cambio é posible... As enquisas din outra cousa?
Esta semana houbo unha interpretadora de enquisa que foi Rita Barberá que dixo que se daba de baixa do PP para que non lle achacaran a ela unha derrota electoral. Nós somos proxecto de futuro e iso non o recollen as enquisas. En Compostela albiscaban tres para CA e sacou dez. Por iso estamos convencidos de que seremos o motor do cambio.

E ese cambio supoño que me dirás que estará encabezado pola Marea... E senón é así, haberá cambio igual?
Somos xente seria. Temos claras cales son as prioridades que son poñerlle fin á corrupción e recortes. E por iso garantizamos a fin das políticas do PP.

Cun acordo co BNG e co PSdeG?
Se non temos maioría absoluta, por suposto. Nós falaremos con todos para derrotar ao PP.

Como ves a campaña de Feijóo?
É unha campaña covarde. Quixemos que falara cara a cara pero preferiu ocultarse. Ata oculta as siglas do seu partido porque todo o mundo sabe que está asociada a corrupción e recortes.

Pero semella que ten moita axuda, sobre todo, dalgúns medios..
Ten moita axuda pero non ten a axuda da xente. O 25S demostrarase que non a ten.

Que pasa, que sobre este tema dos medios non te queres pronunciar?
Os medios públicos están totalmente secuestrados. En TVE ofrecían un debate e obrigaron a asinar unha claúsula na que puñan que se un candidato non quería ir podían cancelalo, como aconteceu, aducindo a que non había interese informativa. Iso é un escandaloso. Na CRTVG pois outro tanto do mesmo. Hai que garantir a pluralidade política e ideolóxica nos informativos. E tamén impulsar a produción cultural da TVG que é escandaloso que sendo un medio galego non teñan nada sobre a cultura deste país.

Vexo que só falas dos medios públicos. Que vai facer En Marea se chega ao poder con respecto a política de axudas aos medios privados?
Reformular estas axudas. Iso é evidente. Non se poden condicionar aos favores editoriais ou que un teña mellor ou peor trato. Por iso ten que haber parámatros en función a difusión reais e, sobre todo, a promoción de valores culturais e sociais. Que se garantice que a liberdade de opinión e de prensa sexa efectivo e que todos os grupos sociais poidan acceder aos medios de comunicación tal e como recolle a propia Constitución. E por iso nós apostamos por unha reformulación completa das axudas aos medios privados de comunicación.

Onde te vas centrar nestes últimos días da campaña?
O martes tocou A Coruña e Vigo. Mércores foi Vigo e Rías baixas e, pola tarde, en Lugo. O xoves mitin central en Ourense e pechamos o venres en Santiago. Estaremos moito a pe de rúa.

Falas de Lugo. Ti vas candidato por esta provincia. Semella que en Marea é máis da zona urbana que do interior...
Veremos o domingo que teremos un apoio uniforme en todo o país. Agora que nos presentamos conxuntamente en todo o país e hai 120 mareas locais e non todas son urbanas pois imos ter vitorias en moitos concellos de pais.

E tes xa algunha quiniela feita?
Díxeno. Entre 25 e 30. Somos xente prudente. Non queremos acaparar para nós todo. Percibimos nos mítines que hai ilusión e gañas de cambio e o noso deber é deixalo todo nesta campaña e animar á xente para que participe porque desta ten que ir. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 20 comentarios

10 Ted Flanders

Buenoooooooooo............certo ca obra de Beiras é, sen dubida no eido do nacionalismo, moi relevante........pero a persoa...........en fin: Picasso foi xun xenio, na pintura! pero nas relacions cas mulleres foi un ogro! Chaplin tamén foi un xenio no cinema pero nas relacions persoais e laborais foi un troll........es así un montón mais.....como os cristais...teñen moitas facetas.....Intelectualmente: 10, Como persona: 0. Sen acritude eh?

9 John McNamara

Señor Villares, con todos os meus respectos a vostede, que semella boa persoa e penso que estás para intentar cambiar as cousas, Beiras deixou de ser un referente ético, político e ideolóxico como Beiras. Se vostede considera o contrario, alá vostede. Do señor Beiras, que non teño nada contra el, agás no aspecto político, penso que segundo como se levante pensa dun xeito ou doutro. Hai moito tempo que me decepcionou, e a moita xente.

8 Comunista

Ei, bloque-trolls! Podedes interromper un segundo a campaña de inxurias contra Villares pola que se vos paga na Avda. de Lugo (ou en Gregorio Espino) e respostar a una pequena cuestión? A ver: Que foi do cacarexado “Proceso Adiante” http://adiante.gal que o BnG/Sermóns anunciou con grandes fastos? Desapareceu nada máis nacer. Acaso é o enésimo fracaso de “reagrupación nacionalista” da UPyG e dos seus vasalos do MgS tras o GpS http://www.galizapolasoberania.org, Asembleas “Abertas” ou IxU http://www.polaunion.gal? >>>>Respostas e insultos aquí abaixo>>>>

1 Balbino Fernández

Autoproclamado Comunista, non te consumas, que o BNG xa non conta (salvo para catro amamantados que trolean desde o cubil quente, pouco lles queda!). Agora ben, sospeito que ti, tan documentado, que gardas enlaces e lembras merdiñas (que o merecen, repito), és igual de troleiro. Salvo que tes outro amo, claro... e os cans nunca morden a man que lles dá de comer. Atrévete, sae do armario, di comigo, Pam dimisión por indecente! Falanxistas fóra das Mareas! Por unha nova política limpa de aproveitados e trepas!

2 Rappel

Ten razón o que mola agora é acudir a asambleas "populares" nas que non hai ninguén, a decidir o presuposto municipal...pero tampouco hai ninguén, ou a mitins cun "xuiz estrela" nos que hai catro gatos. Colofón: ides levar un hostión! Este domingo falamos. ;)

3 Eu mesmo

Farto de comunistas!!!. Nin os da UPG que se agochan tras do BNG, nin os do PCE que se agochan tras de IU, nin, tampouco, os do PCLN que se agochan tras de Anova. Xa non che digo nada si se xuntan os do PCE cos do PCLN. É unha futura eiva de En Marea. saúdos ao teu amigo cretino de Vigo!!!

4 LKI

GPS, Asembleas Abertas, IpU, Nos-CaGa, P. Adiante... os xoguetes rotos que o BeNeGá vai deixando polo camiño. Non vas obter respostas de nada. Nin eles as teñen.

5 Paxariño

Quedouche atrás o #proponconnosco http://www.bng.gal/articulo/destaca...

6 Fala_ravachol

Semellas coñecer ese mundillo dos pagos por facer de troll, comunista. Oes, por qué non nos falas de se vos pagan por concepto, por palabra ou por número de temas interrumpidos cas babosadas que soltas de cotío? Non serás comunista como Jiménez?

7 M. Meixide

Covarde é tamén todo mareado que non esixe a dimisión da deputada Ángela Rodriguez (Pam), despois de chamar "puta coja" a unha compañera mulleres e discapacitada. Covarde es ti Villares! Eu non apoio covardes, nin podo votar por unha lista na que apareces xunto a un amigo das corruptelas menores e fillo dun tránsfuga (deputado por CG que pasou ao PP, hai memoria!). Tampoco limpastes de falanxistas as Mareas, que por Lugo son lembrados, senón que os colocastes para asesorar á número un por Pontevedra. Se todo vale nas Mareas, mal comezo!

6 Souto

Tedes que facer os mítines radiados. Mentres vou coa bici podo escoitalos e ponhede música de Justin Bieber entre proclama e proclama.