Pontón vs Villares: así foi o esprinte final da campaña en Twitter

GC analiza o impacto que tiveron nas horas finais da campaña electoral os líderes dos dous polos que acaparan a maioría do voto nacionalista galego.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 24/09/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As redes sociais foron o espazo máis quente desta campaña electoral. Os candidatos á Presidencia da Xunta, os seus partidos e os seus afiliados e simpatizantes mantiveron unha disputa aberta e intensa no ciberespazo para desacreditar os seus adversarios, viralizar as súas mensaxes e tentar captar a votantes indecisos. A maquinaria propagandística ao servizo dos candidatos non cesou en redes como Twitter, na procura de maior visibilidade e impacto para os aspirantes. GC recolleu datos no intervalo máis quente da campaña —as últimas catro horas— do impacto dos perfís de Ana Pontón (BNG) e Luís Villares (En Marea), os candidatos dos dous polos que acaparan a meirande parte do voto nacionalista galego. 

Luis Villares e Ana Pontón.
Luis Villares e Ana Pontón.

Dende as 20.00 horas deste venres, e até a media noite, procesamos 1.304 mensaxes orixinais publicadas en Twitter con mencións directas a @anaponton e @villaresluis e rechouchiadas directamente (RT) ou viralizadas con rechouchíos personalizados (MT) por outros usuarios. Na recollida de datos obtivemos 620 mensaxes con estas características para Pontón (47,55% do total) e 684 para Villares (52,45%).

No caso de Ana Pontón, quen máis contribuíu a promocionar o seu perfil foi o seu propio partido, con gran diferenza, mentres que para Luís Villares foron principalmente mensaxes relacionadas con contas vinculadas a Podemos, e non só de Galicia, senón tamén doutras partes do Estado, as que máis axudaron ao candidato de En Marea a espallar a súa imaxe nesas últimas catro horas de campaña.

A conta de Pontón acadou nese tempo 587 mencións e a de Villares, 652. Porén, nese mesmo tempo, a do BNG recibiu 405 e a de En Marea, 229.

Estes datos e a estrutura das relacións en rede artelladas arredor das contas de ambos os candidatos parecen indicar que Ana Pontón gozou do apoio dunha rede máis compacta e centralizada, creada por usuarios moito máis próximos e sustentada polo propio partido, mentres que no caso de Luís Villares, nesas últimas horas da campaña, o apoio recibido non lle chegou principalmente vía En Marea, senón por outros usuarios, moitos deles da contorna de Podemos, nunha rede cunha estrutura algo máis dispersa.

No que se refire ao contido desas mensaxes, as dúas nubes de palabras extraídas en ambos os casos mostran, polo seu peso (amosado polo tamaño das palabras), que no caso de Pontón son case tan importantes a candidata (@anaponton) como o propio partido (@obloque) e a mensaxe principal de campaña (#untemponovo, #votabng), mentres que no caso de Villares, a súa figura centraliza o discurso (@VillaresLuis), tendo menos peso o partido (@en_marea) e a mensaxe central nesas horas de campaña en Twitter (#euenmarea).

No discurso arredor de Pontón tamén destacan palabras como "Galiza", "#efectopontón", "corrupción", "oportunidades" ou "persoas", mentres que no que se artella arredor de Villares teñen máis peso que outras "Galicia", "honestidad", "gente" "#enmarea", "rumbo" ou "dignidad". Precisamente esta dominancia de termos en castelán amosa que o principal apoio a Villares no final da campaña lle chegou doutras partes do Estado, o cal explicaría tamén que a estrutura da súa rede sexa algo máis dispersa que a de Pontón, que amosa lazos máis próximos.

A continuación mostramos a visualización das estruturas das relacións en rede baseadas en mencións e rechíos a mensaxes sobre @anaponton e @villaresluis durante as últimas catro horas da campaña. Tamén se inclúen as nubes de palabras con máis peso e as contas que máis rechíos e mencións acadaron (para velas máis grandes, fai clic sobre as imaxes).


Visualización da estrutura das relacións en rede baseada en rechíos e mencións a mensaxes sobre @anaponton en Twitter. Clic na imaxe para ver máis grande | Fonte: © GConfidencial.



Visualización da estrutura das relacións en rede baseada en rechíos e mencións a mensaxes sobre @VillaresLuis en Twitter. Clic na imaxe para ver máis grande | Fonte: © GConfidencial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta