Caballero evita aclarar se apoiará a Sánchez pero di que González é "un analista excepcional" e debe "ser escoitado"

O alcalde arrefriou o seu respaldo ao secretario xeral dende que Ferraz avalou os cambios nas listas para as autonómicas

VIGO | 28/09/2016 | Actualizada ás 14:55 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, eludiu este mércores aclarar se apoiará o posicionamento do seu secretario xeral, Pedro Sánchez, no Comité Federal do PSOE, aínda que advertiu que o expresidente Felipe González é un "analista excepcional" que "debe ser escoitado".

Nunha rolda de prensa, e malia a insistencia dos xornalistas, o rexedor socialista recalcou que manifestará a súa opinión na cita do próximo sábado, onde tamén sacará a relucir "os moi malos resultados" do PSOE nas eleccións galegas que el vincula cos cambios na lista de Pontevedra avalados por Ferraz.

Preguntado tamén sobre as palabras de Felipe González na Cadena SER en favor da abstención do PSOE na investidura de Rajoy, o alcalde limitouse a constatar que o histórico líder socialista (con quen el foi ministro entre 1985 e 1988) "segue sendo un político excepcional, un analista excepcional, e non só no ámbito de España".

Así pois, o tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) advertiu de que "o que diga" unha persoa "con tanta capacidade de análise e presenza" ten que "ser escoitado e analizado". "Eu escoitei a entrevista (a González) e pareceume excepcional, magnífica", sentenciou.

"DECEPCIONADO"

Aínda que o alcalde de Vigo non quixera expresar publicamente se apoiará ou non ao secretario xeral do seu partido, o certo é que o respaldo de Caballero a Sánchez se arrefriou significativamente tras a elaboración das listas para as autonómicas galegas.

Cando se modificou a candidatura por Pontevedra para introducir, entre outros nomes, o sobriño do alcalde (e cabeza visible do sector crítico no PSOE vigués), Gonzalo Caballero, el manifestou publicamente que se sentía "decepcionado" cos que avalaran eses cambios porque non respectaban a vontade da militancia.

Naquel momento, chegou a reivindicar un PSOE que estea "ao lado dos militantes e dos cidadáns", e un Pedro Sánchez "que antepoña a política dos cidadáns ás decisións das estruturas do partido".

De feito, segundo recordou este mércores, trasladou o seu malestar pola elaboración das listas á executiva federal do partido, da que é membro nato.

"Dixen como se fixeran as listas, cambiando a decisión democrática da provincia, ignorando que (a lista orixinal) tiña o apoio de 14 alcaldes e a presidenta da Deputación. Preguntei por que se cambiara e ninguén me contestou", afeou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta