Xaime Isla Couto, o gran proxectista da Xeración Galaxia

O simposio Internacional:“Xaime Isla Couto: raíz e utopía de Galicia” aborda o traballo deste galeguista histórico.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/10/2016 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

A Fundación Isla Couto e a Sociedade Interuniversitaria organizan os días 20 e 21 de outubro na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela un Simposio dedicado ao estudo do galeguista histórico Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 1915- Vigo, 2012). Este Simposio nace co desexo de desvelar o compromiso vital e a imaxinación creativa de Xaime Isla, o grande proxectista da Xeración Galaxia no centenario do seu nacemento.

Xaime Isla Couto
Xaime Isla Couto | Fonte: culturagalega.org

Durante dous días, intelectuais, académicos, investigadores e empresarios analizarán polo miúdo o protagonismo de Xaime Isla no galeguismo do século XX como as Mocedades Galeguistas, o Partido Galeguista clandestino tras a Guerra Civil, a Editorial Galaxia, as loitas pola liturxia en galego e o Partido Popular Galego da Transición Democrática. Pero tamén se analizará, como indica a organización nun comunicado, o seu traballo como intelectual comprometido no eido da economía e como profesor universitario e asesor xurídico da Caixa de Aforros de Vigo, Zeltia, Cementos Oural e dos gremios de conserveiros e madeireiros.

Este xoves, ás 19.30 h. realizarase a presentación da fotobiografía “Xaime Isla: raíz e utopía de Galicia”, editada pola Fundación Isla Couto e a Editorial Galaxia co gallo do centenario do nacemento de Xaime Isla. Tamén se presentarán os contidos do número 207 de Grial. Revista Galega de Cultura (xullo-setembro 2015)dedicado a Xaime Isla. Na presentación participarán: D. Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; D. Xosé Soutullo, secretario de redacción de Grial; e D. Xosé L. Pastoriza, editor da fotobiografía.

O Simposio clausurarase o venres, 21 de outubro, ás 19.30 h. cunha mesa redonda na que participarán D. Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia; D. Andrés Torres Queiruga, vicesecretario da Real Academia Galega; D. Alberte Meixide, padroeiro da Fundación Isla Couto; e D. Antón Vidal, presidente da Editorial Galaxia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta