Premio á innovación empresarial para catro empresas TIC

Son distinguidas co terceiro premio “Camiño do Emprendemento 2016”. A Cámara de Comercio de Santiago e ABANCA entregaron as bolsas para a estancia dun ano no viveiro de Costa Vella.

Por GC Emprende | Compostela | 16/11/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela entregou este martes o III Premio “Camiño do Emprendemento 2016”, co patrocinio de ABANCA, a catro iniciativas empresariais destacadas da demarcación cameral: Os Ventos Innovación e Servizos, María Enríquez Martínez, Siete Olas Comunicación e Ambideleite.

Emprendedores reciben o  III Premio Camiño do Emprendemento 2016
Emprendedores reciben o III Premio Camiño do Emprendemento 2016 | Fonte: Cámara de Santiago

Esta distinción é un recoñecemento que pretende promocionar estas ideas empresariais e prestar apoio para a súa posta en marcha, desenvolvemento e consolidación, coa finalidade de axudar á reactivación da economía e o emprego dos trinta e dous concellos da demarcación cameral.

O premio cubrirá o 50 por cento dos gastos da estancia no viveiro de empresas de Costa Vella durante un ano aos proxectos distinguidos coa bolsa completa –Os Ventos Innovación e Servizos e María Enríquez Martínez–, e o 25 por cento para os proxectos que comparten premio –Siete Olas Comunicación e Ambideleite–. Os gañadores poderán solicitar as liñas de financiamento presentadas por ABANCA con condicións financeiras preferentes (a concesión do financiamento estará suxeita, en todo caso, á previa análise do risco por ABANCA).

Durante ese tempo, os emprendedores, ademais do servizo de aloxamento, infraestrutura e logística, recibirán servizos de acompañamento, consultoría, titorización e mentorización dos seus proxecto empresariais coa finalidade de favorecer a súa arrincada, creación e consolidación para mellorar as súas expectativas de implantación e supervivencia empresarial. O emprendedor instalarase na mellor incubadora empresarial de España, distinguida con este recoñecemento polo informe Funcas das Cajas de Ahorros, e pasará a formar parte da maior rede empresarial de Europa –Rede Incyde–.

Tecnoloxías da información e comunicación

A empresa Os Ventos Innovación e Servizos está especializada en tecnoloxías da información e comunicación, cun equipo de profesionais que leva anos desenvolvendo tecnoloxías e sistemas de información. A súa promotora, Raquel Toja Gómez, explica que a idea de negocio é desenvolver tecnoloxías “diferenciadoras” que axuden a posicionar á empresa no mercado como prestadora de servizos tradicionais, pero sen pretender a fabricación de tecnoloxías que sexan explotadas por outros. Ofrécense servizos de consultoría de modernización, xestión cultural, apoio a servizos sociais ou servizos de TIC. O seu obxecto é posicionarse no mercado como un axente máis que ofreza servizos ás Administracións Públicas de ámbito europeo e multinacional.

Mar e terra en produtos galegos de calidade

A emprendedora María Enríquez Martínez conseguiu esta bolsa cun proxecto centrado na comercialización de conservas e produtos galegos de calidade, coa finalidade de divulgar e vender produtos agroalimentarios e do mar englobados nunha marca paraugas que se está a desenvolver actualmente para a súa inclusión no mercado nacional e internacional.

Imaxe de marca empresarial

O emprendedor Javier Herranz Lorente foi premiado coa metade dunha bolsa do premio polo proxecto empresarial “Siete Olas Comunicación”, destinado ao sector da comunicación e marketing para empresas. O obxecto é axudar a profesionais e empresas a desenvolver e mellorar a súa imaxe de marca, difundindo as súas actividades en redes sociais, webs corporativas e buscar o mellor posicionamento nos buscadores, realizando campañas de marketing online e presencial, vídeos promocionais de novos produtos e ofrecendo formación orientada a formentar as habilidades e capacidades de comunicación. Dirixirase principalmente a empresas do sector da hostalería, vinícola, automoción e asociacións e clubes. O xurado valorou o uso das TIC e o nivel de postos de traballo a crear.

Aromatización de espazos e eliminación de olores

O emprendedor José Luís Otero Bouzón consegue tamén a metade dunha bolsa do premio de emprendemento. Cansado da falta de oportunidades laborais e da súa mala calidade, idea un proxecto innovador nun sector pouco explotado en Galicia. Crea Ambideleite, dedicada ao marketing olfativo, aromatización de espazos e eliminación de olores para todo tipo de empresas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta