O lago artificial d’As Pontes atópase en “boas condicións ecolóxicas”, segundo un estudo

Investigadores das universidades de Compostela, Lisboa e Illas Baleares analizaron os cambios nas comunidades de fitoplancton e o estado trófico para avaliar a calidade da agua. A investigación foi financiada por Endesa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/11/2016 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

"A partir da composición cualitativa e cuantitativa do fitoplancto e das variables que definen o seu estado trófico, podemos concluír que o lago se atopa en boas condicións ecolóxicas, de acordo aos criterios da DMA [Directiva Marco da Auga da UE]". Esta é a principal conclusión dun estudo sobre a calidade da auga do lago artificial das Pontes, o máis grande e profundo en España.

Lago artificial das Pontes sobre a mina de carbón
Lago artificial das Pontes sobre a mina de carbón | Fonte: Endesa

O lago das Pontes vén sendo motivo de conflito entre a Xunta e Endesa, por un lado, e os ecoloxistas, polo outro. Agora, con este estudo téntase poñer fin á controversia tirando de datos que demostrarían que o monumental encoro artificial creado sobre unha antiga mina de carbón presenta unha boa calidade ecolóxica das augas. 

O estudo foi realizado por científicos do Departamento de Botánica da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, da Facultade de Ciencias da Universidade de Lisboa e do Departamento de Bioloxía, Facultad de Bioloxía da Universidade das Illas Baleares, aos que se sumou o responsable de Medio Ambiente do Centro Mineiro das Pontes, Ramón Valle. E foi financiado por Endesa, empresa responsable do enchido do encoro.

O principal obxectivo do estudo foi a análise da variación na calidade da auga e as comunidades fitoplanctónicas do lago, durante seis anos (2009-2014), co fin de avaliar a calidade da auga con vistas a súa adaptación para un uso recreativo e deportivoe a obtención dun ecosistema sustentable.  As mostraxes realizáronse nos meses de febreiro, maio, agosto e novembro de cada ano, coincidindo coas condicións máis representativas da columna de auga en cada estación, "obténdose un catálogo florístico do fitoplancto que recolle un total de 126 taxa: 22 Cyanophyta, 47 Heterokontophyta das cales 42 son Bacillariophyceae, 3 Chrysophyceae, 1 Synurophyceae e 1 Xantophyceae, 6 Dinophyta, 2 Cryptophyta, 4 Euglenophyta, 14 Charophyta e 31 Chlorophyta", describen os autores do estudo, que conclúen: "Ningunha delas recoñécese como tóxica, aínda que se detectou unha gran concentración de cistes, que asociamos a Mallomonas sp., a finais de agosto de 2013".

CONTROVERSIA

Os ecoloxistas denunciaron en numerosas ocasións os perigros deste encoro, pois consideran que a elevada acidez das augas —produto de estar sobre os restos da mina— acabará transmitíndose aos maniantais da zona, contaminando ecosistemas como o do río Eume e as súas famosas fragas. Endesa tivo que recorrer ao volcado masivo de camións con cal para corrixir o PH do lago.

Lago artificial en As Pontes
Lago artificial en As Pontes | Fonte: Endesa.

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), Verdegaia e SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural) teñen alertado dende a inauguración deste lago que os aportes á mina cuberta de auga tiñan a mesma acidez ca un desincrustante industrial e viñan reclamando á Xunta que deixase de ocultar as análises oficiais. Na súa opinión, a Xunta sempre fixo "populismo" con este encoro.

Pola súa banda, o Goberno galego sempre destacou que o lago artificial das Pontes “é a proba palpable de que existen actividades económicas compatibles co medio ambiente”. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ten salientado a actuación realizada por Endesa no buraco orixinado tras a extracción de lignito, a cal constitúe, na súa opinión, “un modelo de innovación mineira”, un traballo “pioneiro de primeira magnitude” para construír un lugar que mudou a paisaxe da comarca, creando un “complexo e rico ecosistema” que pouco a pouco foron poboando e colonizando distintas especies animais e vexetais.

E a propia compañía responsable do enchido, Endesa, asegurou que “a calidade da auga do lago artificial das Pontes  é excelente, apta para o consumo, adecuada para o baño e tamén como hábitat natural para as aves e a fauna acuática que o poboan”.

Segundo os últimos datos que manexa o Centro Mineiro das Pontes, son 158 as especies de vertebrados que xa habitan na maior lagoa artificial do Estado, a maioría delas, aves. Ademais, existen tres especies de peixes no encoro: boga, troita e espiñento. Tamén se contabilizaron 152 especies vexetais.

CARACTERÍSTICAS

O lago das Pontes conta cun areal artificial construído de máis de 30.000 metros cadrados, cun perímetro de 18 quilómetros e ocupa 865 hectáreas. Ten unha lámina de auga equivalente á de toda a cidade da Coruña que acumula 550 hectómetros cúbicos.

Trátase do lago artificial máis profundo e máis grande en España (5 veces maior e 6 veces máis profundo que o lago natural de Sanabria) despois da inundación controlada do foxo deixado pola mina tras 30 anos de operacións. A extracción de lignito pardo conduciu á formación dun gran lago que ten 8,76 km2 superficie e ata 206 metros de profundidade.

Ocupa o espazo do que foi o maior xacemento carbonífero ao descuberto de España desde 1976 ata 2007. Dentro do Plan de Restauración de Endesa, deseñouse un lago artificial no oco deixado pola mina unha vez abandonada a actividade. Ademais, creouse unha zona de lecer de 40000 m2 onde se sitúa unha praia artificial de 450 metros.

O seu enchido comezou en 2008 con achegas procedentes do río Eume, choiva e auga de escorrentía do denominado vertedoiro exterior, zona onde se verteron os estériles da mina e as cinzas de combustión da central térmica ata o ano 2002.

Está considerado, segundo os autores do estudo, como un dos mellores exemplos de restauración de espazos mineiros do mundo. 

---------------------------------

López-Rodríguez, M.C., Leira, M., Valle, R. & Moyá-Niel, G. (2016). 'El fitoplancton como indicador de calidad de masas de agua muy modificadas en la DMA. El lago artificial de As Pontes (A Coruña. España)'. Nova Acta Científica Compostelana (Bioloxía), 23: 85-97.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Euloxio

"d'as Pontes?" Que normativa lingüística seguides? A de Lamas Carvajal? E menos censura. Galicia Confidencial censura comentarios respectuosos!