Un oso renacido

O ano pasado trunfou nos Óscar a adaptación cinematográfica dunha novela de Michael Punke, O Renacido, con Leonardo DiCaprio como protagonista estelar.

Por Xurxo Ayán | Pobra do Brollón | 02/03/2017

Comparte esta noticia

Corría o ano 1820. Un grupo de trampeiros adéntrase nas terras indias de Dakota para facérense coas cobizadas peles da bichería de por alá. A expedición remata mal. Aparte dunha emboscada dos aguerridos sioux, o trampeiro Hugh Class sofre o ataque brutal dun Grizzlie, o típico oso ianqui. Malferido, é abandonado á súa sorte por un compañeiro que, para máis INRI, asasina o seu fillo. O filme amosa en toda a súa crueza a loita pola supervivencia deste home, que sobrevive na paisaxe da invernía cos azos da vinganza. A película remata cun duelo antolóxico entre os dous trampeiros, pioneiros claros do xénero do far west.


En Salcedo (A Pobra do Brollón, Lugo) temos tamén unha misteriosa historia gravada en pedra do que semella un duelo a morte entre cabaleiros. Corría o ano 1952. As obras no baixo dunha vivenda deixaron ao descuberto un abraiante baixorrelevo. Seica un canteiro cicelou a data do achádego na propia pedra: 1952. Souben da existenza desta pedra hai 22 anos, cando eu estudaba primeiro de carreira na Facultade de Historia de Compostela. Alí, o catedrático de Prehistoria José Manuel Vázquez Varela falábanos dos seus anos mozos estudando a etnografía e o folklore dos Ancares nos anos sesenta, cando aínda a xente vivía nas pallozas, antes da chegada do mal chamado Progreso, da Modernidade. Xa daquela, Vázquez Varela dera a coñecer unha pedra que se expoñía no mesón Xiraldo de Aurillac, no Cebreiro, hoxe pechado. O profesor pensaba entón que podería tratarse dunha escena guerreira datada na Idade do Bronce, isto é, no segundo milenio antes da nosa era. Pero a pregunta é: como rematou esa pedra aí? Agora sabemos que ese gravado de Salcedo formou parte da operación político-relixiosa que levou á recreación dese pastiche tardofranquista que foi a alcumada, nin máis nin menos, aldea prerromana do Cebreiro. Todo un fetiche da paisaxe mítica dos Ancares. Si amigos e amigas, como teremos ocasión de probar dentro de pouco, os Ancares foron un invento dun ministro de Información e Turismo, un cazador que aínda en 1983 se ausentaba do parlamento español para ir cazar un oso á Iugoslavia comunista.


Naquela Operación Ancares o crego Elías Valiña Sampedro xogou un papel senlleiro. De feito, a este home débeselle a recuperación do Camiño de Santiago. O señor abade foi quen levou a pedra de Salcedo. Como no caso dos aborixes estadounidenses (eses que saen nas películas atacando aos trampeiros e cazadores de osos), a xente guímara de Salcedo debe reclamar o que é seu. Señores da Xunta, esa pedra ten que voltar a casa! Senón enviaremos o oso á Dirección Xeral de Patrimonio a aplicarvos un correctivo. Ficades avisados!


En 2014 gañaba o Óscar á mellor película de animación unha curtametraxe chilena titulada Historia dun oso. O director, Gabriel Osorio, quixo contar de xeito xenial e metafórico a historia de seu avó, exiliado no Reino Unido por mor da ditadura pinochetista. O golpe de Estado contra Allende conlevou a separación traumática da súa familia durante anos. Para contar esta historia, botou mao dun oso como protagonista. Cada día, no curruncho dunha cidade, un vello oso representa a historia da súa vida mediante un teatro de monifates de latón. Unha historia tristeira. Sendo novo, o vello oso foi secuestrado por un circo que o separou da súa muller e do seu fillo.
Cando morría o último oso galego en 1946, as nosas xentes do rural todavía foron quen de ver osos, iso si, inmigrantes. Pola Lei de Vagos e Maleantes (aprobada no bienio negro da IIª República e coñecida comoa A Gandula) os xitanos húngaros eran obrigados a acampar nas afóras das parroquias ou a rente do adro de ermidas apartadas. Os nómades, refuxiados incluídos, sempre foron considerados como seres antisociais, un perigo potencial para a xente de orde. Estes xitanos húngaros acampaban cos seus carromatos e todo o enxoval circense. O seu sitio entre Cereixa e a Estación, por exemplo, era o alto do Cachón. Aos pequenos se lles metía medo dicindo que os húngaros eran caníbales e comían carne de cristianillo. O mesmo que se pensaba facían os mouros do castro de Domiz, como así me contaba a señora Delfina, casada co Xaime da Diosa, de Cima de Vila.


No Museo do Pobo Asturiano hai dúas fotografías que comparten protagonismo, entreséculos. Cara a 1900 un grupo de cazadores, rodeados por toda a veciñanza dun pobo, pousa fachendoso co cadavre dun oso inmenso, herdeiro daquel que acabara coa vida do rei Favila, fillo de Pelaio. Mentres uns exhibían o trofeo de caza, na outra fotografía aparece retratada, no porto de Pajares, unha familia de xitanos serbios canda o seu oso encadeado, o oso que lles daba de comer como espectáculo circense.


Tras eses anos 40 de caza de osos e homes nos montes galegos chegou a luz eléctrica, e xa deixou de haber osos, Santas Compañas e circos de xitanos húngaros polas corredoiras deste país. A lembranza do oso ficaba fosilizada en costumes irredentas sostidas por afoutos labregos e labregas, como foi o caso deste o noso Entroido de Salcedo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA