A estadea ou pranto polo Seminario de Estudos Galegos. Unha contestación a Juan Salgado do Correo Gallego

Ya sabrá que el último día del año pasado, fiesta de San Silvestre, el Rector de la Universidad ordenó que se trasladase la biblioteca del Seminario para la Universidad, local de la Biblioteca América. Se acarretó en el mismo día por medio de un carricoche tirado por un penco y con cestas llevadas por mujeres. Los libros iban en montones, todos mezclados y cayendo por los suelos, sin cuidado alguno. Las gentes, ante semejante espectáculo, quedaban pasmadas y preguntaban de qué se trataba. Los mozos y porteros respondían: “Es la biblioteca de los galleguistas”. Carta de Jesús Carro García a X. R. Fernández Oxea, 20-II-1942

Por Xurxo Ayán | Lisboa | 06/11/2018

Comparte esta noticia

Juan Salgado publicou o 20 de outubro pasado un artigo de opinión en El Correo Gallego baixo o título “Seminario de estudos galegos y noticias falsas”, co gallo da conmemoración do 75 aniversario da creación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), dependente do CSIC. O autor acusa de mentirosos a aqueles que consideran que o SEG foi suprimido en plena guerra civil polo franquismo (sic), defende que a entidade nunca inquedou ao rexime e que algúns políticos (nacionalistas galegos, supoñemos) son uns manipuladores de feitos e interpretacións historiográficas. Para defender a súa tese, Juan Salgado cita unicamente dúas notas publicadas polo director do IEGPS, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés. Esta sesgada praxe vén sendo como se eu falase da guerra civil española empregando só as obras de Pío Moa, César Vidal ou Ricardo de la Cierva. Para nada ten en conta, por exemplo, a monumental obra monográfica sobre o SEG da autoría de Afonso Mato Domínguez, entre outras. Así é como se comporta quen reclama ir ás fontes limpas e solventes a diferenza daqueles que ollan o mundo cos seus lentes cheos de prexuízos e de fobias.

Eu traballei unha década como investigador no IEGPS e coñezo ben os fondos que alí se gardan do extinto SEG. Na elaboración da miña tese de doutoramento profundicei abondo na traxectoria do SEG e no troco que supuxo para a arqueoloxía galega o golpe de estado feixista. Asemade, aproveiteime do traballo de investigadores e investigadoras (descoñecidos para Juan Salgado, segundo semella) que demostraron o papel dos sublevados na fin do SEG. Con esta bagaxe permítome lembrarlle a Juan Salgado algunhas cousas. Para non inquedar aos sublevados, as cifras da represión sobre membros do SEG non están nada mal: 19 membros foron asesinados, 26 marcharon ao exilio e outros 32 foron sancionados de diferentes xeitos (multas, inhabilitación para cargos públicos, etc…). Coa brutal represión desapareceu todo o aparato político do Partido Galeguista, xa que deixaron a súa vida nas cunetas, entre outros socios dos SEG, Alexandre Bóveda (secretario do PG), Ánxel Casal (director da editorial Nós e alcalde compostelán), Víctor Casas (director de A Nosa Terra), Arturo Noguerol (cofundador da revista Nós) e un longo etcétera. Pola súa vez o exilio foi o destino de Castelao, López Durán (concelleiro en Compostela e profesor de Dereito na universidade), Lois Tobío (cofundador do SEG e diplomático), así como Sebastián González García-Paz (arqueólogo e concelleiro en Compostela). Os únicos que libraron desta violencia planificada foron os cregos vencellados á institución (Jesús Carro) e aqueles membros que se escindiran do PG e crearan as Dereitas Galeguistas como Filgueira Valverde e Risco. Aqueles tradicionalistas católicos que non abandonaran a disciplina do PG sofreron sancións disciplinarias,  como Otero Pedrayo (apartado do ensino superior até os anos 50) ou López Cuevillas, ao que se lle abriu expediente e se lle impuso unha notable multa. Os membros máis novos do SEG tamén foron detidos e sancionados pola súa militancia no PG. Nesta longa listaxe están Fermín Bouza Brey (xuíz na Estrada), Ferro Couselo (profesor no instituto de Tui), Antón Fraguas (profesor no instituto de Estrada), Xesús Taboada Chivite (técnico de Telégrafos en Ourense) ou Xaquín Lorenzo, incorporado a filas e ferido na fronte de Asturias, tras ter sido sancionando previamente.

En resume, a represión nos primeiros intres da sublevación obedecía a unha consigna clara das autoridades facciosas para abordar a eliminación física dos membros máis destacados do PG e o desmantelamento do galeguismo cultural  a través do peche do SEG. O feixismo viu no SEG un niño de “roxo-separatistas”, e para comprobalo só basta con consultar o arquivo de Martínez Santa-Olalla en Madrid, o falanxista que controlou durante 15 anos a Arqueoloxía española. Entre as misivas podemos ler cartas de investigadores portugueses (como Santos Júnior) nos que solicitan comprensión coa institución, demandas que non son atendidas polo novo poder, evidentemente. Ou podemos reler o pranto polo SEG de Otero Pedrayo ou lembranzas publicadas do propio Cuevillas, todas elas “fontes limpas e solventes” que Juan Salgado semella, de novo, descoñecer. As autoridades golpistas van empregar a USC (e quizais aquí vén parte da confusión que se percibe no artigo de Juan Salgado) para liquidar o SEG. De feito, xa en anos anteriores a 1936 a actividade dos membros do SEG fora perseguida polo profesor de Historia Medieval Montero Díaz (conselleiro nacional das JONS que fora membro el mesmo do SEG) e polo catedrático feixista de Historia, Carmelo Viñas, causante do traslado a Zaragoza dos irmáns Lorenzo pola súa significación galeguista nas aulas da facultade. A partir de 1936 únese a Viñas e Montero, Pérez Bustamente, quen fuxe da zona republicana e regresa a Compostela para dirixir a depuración de bibliotecas e centros de leitura da Universidade. Estes tres catedráticos feixistas (ou sexa, o franquismo) serán os responsables académicos da fin do SEG, do ilegal traspaso dos seus bens á USC (efectuado
en 1941) e convertiránse nos catedráticos máis fideis ao rexime franquista. Así foi como os franquistas, e non os extraterrestres, remataron co SEG, que é borrado, literalmente, do mapa. O 30 de outubro de 1940, Ibáñez Martín inaugura o CSIC coa seguinte declaración institiucional: “Queremos unha ciencia católica”. Este organismo centralista supuxo o desmantelamento de todas as institucións rexionais e culminou o ataque ás institucións culturais “separatistas”como o SEG, o Institut d’Estudis Catalans ou a Eusko-Ikaskuntza.

Décadas de investigación historiográfica non conceden validez á opinión de Juan Salgado: o SEG si incomodaba (e de que maneira) aos sublevados feixistas; o SEG foi suprimido polo franquismo e a historia da súa fin coñécese ben. Non é unha noticia falsa, como lle gustaría a eses xornalistas da dereita cavernaria (eles si afeitos ás fake news) que xogan a seren revisionistas dun pasado feixista que non queren recoñecer, pero no que se recoñecen porque seguen a ser herdeiros de el.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA