Supertrump e antifeixismo en Harvard

En 1989 un arqueólogo español estivo de estancia en Harvard. Nesta universidade americana atópanse as millores bibliotecas do mundo. Daquela, este investigador puido acceder á Biblioteca Revolucionaria, emprazada no baixo dun edificio do campus.

Por Xurxo Ayán | Harvard | 03/04/2017

Comparte esta noticia
Había que baixar unhas escadas súpetas e petar nunha vella porta de madeira. Cando esta se abría, soaba o himno da Internacional. De fronte, un Lenine de corpo enteiro retratado na parede asinalaba coa deda ao visitante. Unha señora combativa amosaba educadamente o fondo disponible. Abraiante. Alí había seccións que abranguían toda a produción da moscovita Progreso até a editorial de Sendeiro Luminoso. Por non falar das obras completas dos “teóricos” norcoreanos, impresas en papel cebola.
 
O noso arqueólogo fixérase amigo dun taxista namorado de España. Este conductor laiábase de non ter sido aceitado para loitar coa Brigada Lincoln contra o feixismo. Era demasiado novo. Sen embargo, o seu mozo si que marchou, e alí morreu, pola causa. Ambos os dous, taxista e arqueólogo afogaban a morriña no bar Pamplona (aínda existente) rexentado pola xente afín a Jorge Guillén e a súa dona. Todo un cenáculo dos exilados republicanos.
Eses tempos xa pasaron. A Biblioteca Revolucionaria é unha pantasma do pasado. De todos os xeitos, Harvard segue a ser un niño de resistencia. A súa presidenta vén de presentar á opinión pública unha carta demoledora contra a vesania de SuperTrump. Onte, no campus impartiu unha conferencia o profesor de Filoloxía inglesa Fidel Fajardo-Acosta, de orixe mexicana e con vinte anos de docencia nos USA. Este home foi ameazado por unha asociación feixista, alcumada Turning Point USA, e financiada con diñeiro negro dos irmaos Koch. Esta xentalla sinala nunha lista os docentes (por agora van 195) que son considerados antiamericanos, inimigos dos estudantes conservadores, perseguidores de patriotas e proselitistas da ideoloxía “roxa” nas aulas. Así están as cousas, grazas ao pulo fornecido pola administración Trump.
 
En decembro de 2015 un estudante membro desta asociación (un racista, antisemita e homófobo que celebra incluso os asasinatos de afroamericanos) denunciou o profesor Fidel Fajardo por incluír nun exame unha pregunta sobre Trump e Turning Point USA. Deseguido, as cadeas de ultradereita, como a Fox e Brietbart, convertéronse en outavoces da infamia, ao máis puro estilo Eduardo Inda. As presións foron de tal calibre que a universidade de Creighton (Nebraska) na que dá clase Fidel, decidiu abrir unha investigación. Por todo o país espállase un movemento antifeixista que quere converter de novo as universidades en espazos de resistencia. En solidariedade con Fidel, 2868 profesores estadounidenses incluíron eles mesmos os seus nomes na lista negra. Aí é nada.
 
Fidel é experto na lírica trobadoresca e autor dun clásico na materia: “Seducións cortesanas, subxecións modernas: a literatura trobadoresca e a construción medieval do mundo moderno” (Arizona Center for Medieval and Renaissace Studies, 2010). Non debe ser casualidade que neste eido do saber, tan vencellado a Galicia, sempre destacaron esgrevios loitadores antifeixistas. Como a filóloga xermana Margot Sponer, colaboradora do Seminario de Estudos Galegos e da revista Nós. Coa chegada do nazismo ao poder perdeu o seu posto na Universidade de Berlín, pasou á resistencia que axudaba os xudeus e rematou os seus días pouco antes de rematar a guerra nun campo de concentración. Lecións que non debemos esquencer nestes tempos nos que o diaño volta andar solto polas universidades. Como dicía meu avó, a Trump, “hai que facerlle a trampa”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA