Temas: TVG CELTA

Dúas series galegas, finalistas no festival cinematográfico dos países celtas

Os Bolechas e o Descoñecido estarán na última fase do Celtic Media Festival, que promove as linguas e culturas das nacións e rexións celtas nos medios de comunicación.

Por Galicia Confidencial | Irlanda | 08/03/2017 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

A serie infantil Os Bolechas, que emite a Televisión de Galicia de forma ininterrompida desde o ano 2012, e o drama “O Descoñecido” estarán como finalistas no Celtic Media Festival, un evento que se celebra anualmente desde hai case 40 anos para promover as linguas e culturas das nacións e rexións celtas nos medios de comunicación.

Unha das imaxes dos bolechas
Unha das imaxes dos bolechas

Os Bolechas compite na categoría de “Programa infantil” con outras catro producións: a escocesa Down on the farm; a serie científica irlandesa ¿Es Éolaí Mé?; a serie multimedia Llond Ceg do Reino Unido e Louzaoueg Anna, destinada a descubrir a riqueza natural da Bretaña. A gañadora coñecerase entre os días 3 e 5 de maio que é cando se celebra a 37 edición do Celtic Media Festival, un evento apoiado por organizacións de difusión, cine, cultura e desenvolvemento económico dos países celtas.

Pola súa banda, “O Descoñecido”, producida por Vaca Films ,TVG, La Ferme! Productions e Atresmedia Cine,  compite na categoría “Drama Único (máis de 30 minutos)”.

O evento, destinado a difundir e recoñecer os traballos de radiodifusión e audiovisual, combina conferencias, seminarios e clases maxistrais coa edición dos codiciados premios, nunha competición internacional que reúne os principais xéneros de contidos en televisión, radio, cine e medios dixitais do mundo celta.

O Celtic Media Festival

Desde a súa creación en 1980 o Celtic Media Festival celébrase cada primavera no corazón dunha das nacións e rexións celtas. Este ano será na Illa de Man, un fermosísimo territorio situado no mar de Irlanda, entre este país e a illa de Gran Bretaña, que forma parte das chamadas ‘nacións celtas’ xunto con Irlanda, Cornualles, Escocia, País de Gales e a Bretaña francesa.  

Temas: TVG CELTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta