Á deriva

Cantas alarmas máis teñen que saltar para que Rodríguez Zapatero reaccione?.

Por X.M. Barreiro | Lugo | 03/05/2010

Comparte esta noticia

Ata onde ten que subir a taxa do desemprego, xa por riba do 20 por cento (4.612.700 de parados), para que deixe de anunciar unha reactivación económica que non chega e para a que nin sequera é capaz de artellar medidas que troquen, aínda que sexa sutilmente, a tendencia?

A situación de Grecia foi un aviso que todo o mundo entendeu menos o Goberno que lidera Zapatero, que optou por facer alarde de solidariedade na vez de poñer as súas barbas a remollar. Séguelle agora, aínda por resolver definitivamente o problema heleno, Portugal, e a pregunta que está a revolotear nos miolos de todos, agás quizais na masa gris dos que en España teñen a obriga de aportar solucións, é si o noso país seguirá esta perigosa senda.

Hai pouco máis de dous meses unha delegación gubernamental viuse obrigada a facer ronda de contactos para devolver ós mercados a confianza sobre a nosa economía. Dicían daquela que España non era Grecia, argumento que seguen a empregar neste intre. Certo é que diferencias hainas. Prometéronse daquela, e como consecuencia dese momento de pánico, reformas pero todo, pasada a tempestade, quedou quieto. Non se concretou o plan de austeridade, e paralizouse os cambios nas pensións ou a tan manida reforma laboral.

Xurde, a tenor da rebaixa da calificación da débeda española por parte de S&P, unha nova tormenta, pese a que dende o Goberno Zapatero manteñen a cantinela de que se observan datos positivos que denotan síntomas de recuperación. O pánico nos mercados, en calquera caso, non se fixo agardar. E hai que ter presente tamén, por exemplo, que dentro dun par de meses vencerá a débeda pública española e haberá que refinanciar (facendo uso das cifras máis optimistas) nada máis e nada menos que 25.000 millóns de euros nunhas condicións, ademais, distintas, máis gravosas, das existentes cando se tramitou o crédito. É dicir, unha nova hipoteca, por obra e gracia do goberno socialista, á que teremos que facer fronte todos os españois.

A situación vivida esta semana fíxome lembrar a interpelación que lle fixen á vicepresidenta económica Elena Salgado a principios do pasado mes de novembro sobre as repercusión do aumento do déficit no incremento da débeda pública e a valoración que dela farían os mercados internacionais.

Advertíalle xa daquela, hai seis meses, que o cadro macroeconómico que acompañaba ós orzamentos do Estado non se axustaba á realidade e que, por elo, a situación que se ía derivar da súa aplicación empeoraría aínda máis a crise económica no noso país. Apelaba entón a Sra. Salgado, para xustificar as súas cifras, a que España mantiña a máxima calificación das axencias de rating sobre a débeda pública e eu facíalle constar que algunha desas axencias xa nos rebaixara a nota e outra advertía da posibilidade de facelo. Aludín incluso ó caso de Grecia, indicándolle que o noso país non estaba exento de seguir o mesmo camiño.

E o que pasou sabeo todo o mundo. As previsións, as estimacións, as advertencias que eu fixen daquela desgraciadamente cumpríronse. Pero para o goberno socialista segue sen pasar nada, mantense na súa liña de negar a evidencia, de mirar para outro lado, de seguir coas súas ensoñacións sobre brotes verdes.

Que máis ten que pasar, que outros detonantes precisa Zapatero para reaccionar e poñer coto a esta situación? Chegar ós seis millóns de parados? Que a bolsa se desplome? Que os mercados internacionais nos retiren a súa confianza? Que a calificación da débeda pública se sitúe no moi deficiente…?

Imos á deriva. E o peor é que o capitán do barco non se dá por aludido nin por enterado.

Mentres o país estase a desangrar, os socialistas non dan visos de querer falar e menos aínda afrontar o asunto. Prefiren centrar os seus esforzos e interese en cuestións tan absurdas a estas alturas (máxime cando a penuria económica obriga a aplicar criterios de austeridade) como que os senadores empreguen na Cámara Alta a lingua que mellor lles pareza (o custo da idea vai rondar o millón de euros) ou reixeitar, por poñer un exemplo máis próximo, o traslado das consultas de especialidades ó novo hospital de Lugo. Son contrarios a unha mudanza, á que, por certo, non lle puxeron ningunha pega en dez anos, pese a que as instalacións coas que contarán pacientes e profesionais serán infinitamente mellores que as actuais.

Son as contradiccións dos socialistas, especialistas en crear problemas onde non os hai e de non resolver os que hai.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Manuel Barreiro Foi conselleiro de Medio Ambiente e vicepresidente da Xunta de Galicia no último goberno de Manuel Fraga. Actualmente é o presidente do PP de Lugo e membro da dirección do PPdeG. O seu blog blog