Nace ‘Compostela Xeoliteraria’, un sitio web coa cartografía literaria da cidade

Fernando Cabo Aseguinolaza, da USC, dirixe un grupo de investigación para a análise da conformación de Santiago de Compostela como cidade literaria.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/06/2017 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

Baixo o título Compostela Xeoliteraria acaba de lanzarse un sitio web dedicado a divulgar os resultados dun ambicioso proxecto que ten como obxectivo a análise da conformación de Santiago de Compostela como cidade literaria e no que participan investigadores das universidades de Santiago, Cáceres e Huelva, especialistas en estudos literarios e xeografía. 

Compostela literaria
Compostela literaria | Fonte: compostelageoliteraria.org.

O grupo de investigación, dirixido polo catedrático da USC Fernando Cabo Aseguinolaza, definiu nunha primeira aproximación, aínda parcial, un corpus limitado de textos publicados entre 1842 e 1926. Na súa maioría, estes textos adscríbense ao xénero da estudantina. “Trátase dun conxunto de textos acoutado e ben definido que comparte a visión de Santiago como cidade estudantil descrita desde a experiencia dos estudantes universitarios de finais do XIX e principios do século XX”, explica o profesor Cabo.  

Neste marco temporal desenvólvese unha produción literaria relevante, na que aparecen nomes como o de Antonio Neira de Mosquera, que inaugura a representación literaria contemporánea de Compostela, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Juan Armada y Figueroa, Ramón del Valle-Inclán, Alejandro Pérez Lugín ou Prudencio Canitrot. Trátase dun corpus complexo e desigual desde o punto de vista canónico, ideolóxico e estético, “pero con coincidencias moi significativas na formulación dun espazo literario de gran densidade”, matiza Cabo. 

O proxecto establece na interdiscursividade unha das súas énfases fundamentais, e por iso atende a outras tradicións textuais e artísticas como as guías turísticas, o gravado ou a fotografía, sen as que apenas pode entenderse o discurso topográfico literario sobre Compostela. 

Ao tempo, o proxecto ten unha vontade teórico-metodolóxica centrada nas modalidades da representación espacial e na análise de paradigmas retóricos como a topografía. Un dos eixos da investigación incide no uso de cartografías literarias, a partir das posibilidades abertas polos SIG (Sistemas de Información Xeográfica). Os mapas permiten visualizar a dimensión espacial do corpus: mapas de puntos e rutas, de recorrencia, mapas dinámicos, mapas que marcan a diferenza entre lugares de acción e de proxección, entre lugares proxectantes e proxectados. 

Para a divulgación dos resultados da investigación optouse por un soporte interactivo (Story Map), que facilita a expresión e comprensión dun imaxinario xeoliterario limitado, pero moi significativo, que abre a vía para novas achegas no futuro, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta