A terra quere pobo no mundo

A comunidade galega de Bruxelas coma paradigma da nosa mentalidade colectiva.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 09/06/2017

Comparte esta noticia
A fin de semana pasada o centro histórico de Bruxelas encheuse de gaiteiros que logo de pasar por diante do Manneken Pis (ou como dixeron ó pasar uns turistas brasileiros, “o menino mexón”) vestido de peregrino e remataron no Festival Compostela, unha romería urbana de dous días con casetas, bancos corridos para comer o polbo , actuacións folcóricas , conferencias e un concerto de Susana Seivane.  Dúas semanas antes, o divulgador, experto en patrimonio e escritor Manuel Gago estivo dando unha conferencia no centro galego sobre o que a paisaxe e as pedras din dos nosos devanceiros, e máis do que cremos, de nós mesmos hoxendía.  Este sábado O Leo de Matamá toca en Bruxelas,tamén no centro galego e que, coma Manuel Gago, veu da man da asociación cultural galega Couto Mixto Bruxelas ASBL.
 
Poderíase pensar pois que a pegada da comunidade galega na capital de Europa e ampla é forte. Non é certamente o caso, mais este feito supón á vez unha mostra clara da natureza e mentalidade dos galegos á hora de entender o colectivo. 
 
Vexamos: a presenza galega en Bruxelas foi sostida e abundante nas últimas décadas. Arredor da Porte de Hal existiu unha densísima comunidade galega nos 70 endiante (sobre todo da zona de Meis no Salnés) ata o punto que hai certos belgas dérona en alcumar “Galiciëtown”. Hoxendía cos emigrantes retirados no país e os fillos mudados ás aforas só queda disto o vello centro galego (normalmente pechado), algún colmado coma “Galicia Calidade” e un Menhir deses con furado que tamén hai na Torre de Hércules e que Fraga deixou chantado no parque de enfronte. Eu ainda din en ver algúns restaurantes galegos que resistirán ata o comezo do milenio. Había tamén aparte de grupos políticos equipos de fútbol galegos.
 
Algúns filllos destes, que non son tanto galegos como belgas francófonos de orixe galega, manteñen as súas raíces, ou alomenos unha interpretación destas aggiornada á postmodernidade e aclimatada ó ambiente multi-culti da progresía bruxelense, coma por exemplo varios grupos de música (desde os máis tradicionais ata o famoso grupo Ialma). Mostra disto sería o “novo” centro galego de Bruxelas, que este ano celebra o seu vinte aniversario. Sintomático é que esta emblemática e enorme sala de festas, reformada e pagada polo gobernó belga e a Xunta, e que se coñece como “La Tentation”, sexa un dos sitios de festa e concertos máis importantes da cidade…pero que moita xente descoñeza que é a embaixada cultural galega en Bélxica. Malia existir unha estupenda, enorme (e inutilizada) biblioteca de libros galegos no 3º andar feita con xenerosos fondos da Xunta, coñecese sobre todo polas as clases de tango e flamengo.  Funciona coma unha empresa de promoción cultural e musical adicada sobre todo a música alternativa (organizan por exemplo os festivais de Muziekpublique) con só casual contido galego. Moi profesional, iso si, como se veu na eficaz organización do Festival Compostela.
 
Logo estamos nós, os galegos non tanto de maleta senón de maletín, que viñemos, coma os nosos predesores, escapando da fame e da infamia do país. Só que agora levamos garavata en vez de boina. O Couto Mixto Bruxelas (do que son membro) reivindícase na súa web explícitamente coma reacción as actividades dos colectivos anteriores. Ó longo de dez anos ten feito un grande número de actividades de divulgación (conferencias, concertos, presentación de libros, mesmo por dúas veces o Festival de Cans en Bruxelas) o cal ten o seu mérito porque renunciou, non sen fortes debates internos (a cultura da subvención tamén está enraizada nos galegos gafapastas) a ter calquera subvención oficial. Ainda así é notorio que malia ser un colectivo reducido a enorme diversidade de opinión e interese  condicionaron o devir da organización. Resulta canso facer calquera actividade conxunta cando hai que empezar cada reunión case definindo o que é Galicia. E de feito se durou tanto foi grazas ao apoio loxístico e físco da "Orfeu", a librería portuguesa (e galega, por vontade do seu propietario o Senhor Joaquim Pinto Da Silva,  se hai un galego do sul que merece a medalla Castelao certamente é el) ata que infelizmente pechou o ano pasado.
 
Por último está , ou estivo, a Galicia máis institucional, nomeadamente os eurodeputados, corresponsais de TVG e Voz (cando os houbo), e a oficina oficiosa da Xunta en Bruxelas, a chamada Fundación Galicia Europa, vía de paso de moitos galegos de maletín recén chegados é cidade (eu mesmo) e que é espello das infatuacións e limitacións das nosas institucións autonómicas: se ben nos primeiros anos estaba nun palacete facendo oficio de embaixada oficiosa galega cun amplo equipo de profesionais analistas da política da UE co tempo mudouse a un luxoso edificio na principal rúa da cidade e que , obviamente, non foi capaz de manter tendo subarrendado a maior parte do espazo. Quedan tres mebros de persoal e algúns becarios con tareas fundamentalmente de apio a cando vén un persoeiro á cidade. A relación coa comunidade galega foi sempre distante. Non falemos dos chamados satélites, esa manchea de galegos no Parlamento e na Comisión ós que a súa terra de orixe non é máis ca unha nota biográfica.
 
Hai, para rematar, lóstregos como cando Xabier Alcalá, moi activo en Bruxelas durante anos, por exemplo na xénese do Couto Mixto, quixo montar a maiores un lobby alternativo ó oficial da Xunta e do que alén dunha foto na Voz de Galicia o único que quedou do episodio foi o nome, non sen sorna, de “lobinho”.
 
E ése é o mal dos galegos. Mesmo nun sitio coma Bruxelas onde non é que haxa presenza galega, senon que hai mesmo unha sobreoferta desta, os galegos son incapaces de cooperar, ou sequera ser cordiais, uns cos outros. E como se todos quixésemos celebrar o colectivo ‘ pero individualmente. Nós temos a “nosa” Galicia, que é a única boa, e desconfiamos da dos outros. Se un español encontra a outro e todo é afabilidade, por veces artificial; a benvida dun galego a outro é a famosa mirada escrutadora. O paisano e o hípster levan posta a mesma boina calada.
 
Dánse mesmo casos de contraprogramación, como cando a Xunta fixo acto e unha exhibición sobre o patrimonio no Comité das Rexións, e uns centos de metros máis alá Freixanes e o Consello da Cultura Galega falaban no Instituto Cervantes. Ou cando non se promocionan entre os propios galegos actividades coma cando Galicia foi invitada a Semana da Banda Deseñada de Bruxelas, ou cando se organizou “Ourselves”, unha exhibición da emigración galega nun local dos arrabaldes (malia haber varias sedes de entidades galegas disponibles e céntricas). Ou cando, máis recentemente,  a eurodeputada Lidia Senra montou un tremendo concerto de artistas galegos mais  fixeron a difusión de rebote só varios días antes, polo que é duvidoso que servirá de moito para difundir a cultura galega entre a pobocación belga e a élite flotante da UE.
 
 Levo 15 anos nesta cidade e malia toda esta actividade a maioría da xente que me atopo non sabe o que é nin onde queda Galicia. E iso que nos pavimentos de toda a cidade hai incrustadas vieiras de bronze que apuntan á capital do noso país. Algo isto terá que ver coa incapacidade patolóxica dos galegos de estar a ben entre eles. No estranxeiro coma na casa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos